A Xunta de Galicia, a través da consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio acaba de presentar unha iniciativa de promoción turística denominada Rede de Itinerarios de Interese Paisaxístico. Trátase, en esencia, de percorridos que abarcan unha rede total de 4.500 quilómetros que percorre toda Galicia e que, no caso da comarca da Mariña, fíxase de forma moi especial nas vistas ao mar. Faino de dúas formas, coa ruta dos faros, que curiosamente arrinca en Asturias, concretamente en Tapia de Casariego, e segue por toda a costa ata O Vicedo; e a dos Miradoiros, que vai desde Ribadeo para meterse ao interior e subir á Frouxeira. Proponse ademais unha ruta denominada Ruta do Rego Loureiro que iría desde o Pozo da Ferida ata o Souto da Retorta, en Viveiro.
Á marxe destes percorridos proponse dous BIC (Ben de Interese Cultural) concretos, como son a fábrica de Sargadelos, no municipio de Cervo, e o centro histórico da cidade de Viveiro, como lugares a ter en conta.
Non están todos os que son pero son todos os que están. A idea, segundo explicou a conselleira Beatriz Mato, pasa por ofrecer catro tipos distintos de sendas que ofrezan innegables atractivos turísticos tanto a visitantes de fóra de Galicia como aos propios galegos que non coñezan estes lugares.
A fábrica de Sargadelos e o centro histórico de Viveiro figuran entre os bens de interese cultural recomendados
Trátase dun proxecto organizado polo Instituto de Estudos do Territorio "que inclúe 56 etapas na Senda dos Faros, 109 itinerarios con valores naturais, 76 camiños con valores patrimoniais e 25 rutas con valor panorámico".
DISPOÑIBILIDADE. O proxecto é moi completo e con gran cantidade de información sobe todo o que aparece no mesmo. Esta información atópase accesible para consulta ou descarga nun visor xeográfico da Xunta e Mato apuntou que "tamén se inclúe unha ficha detallada para cada itinerario, con datos sobre o lugar de inicio e chegada da ruta, a lonxitude do trazado, a pendente media e os elementos de interese que se atopan no seu percorrido, así como un mapa, un perfil topográfico e unha descrición dos valores naturais, culturais e estéticos do itinerario".
A conselleira destacou que coa súa posta en marcha dáse resposta aos compromisos establecidos nas directrices de Ordenación do Territorio "e por outra banda á Estratexia da Paisaxe Galega, dentro da súa planificación 2017-2020. É unha responsabilidade do Goberno preservar, xestionar, protexer e poñer en valor a paisaxe, polo que se pensou no deseño dunha rede baixo criterios técnicos para aproveitar a densa rede viaria e de sendeiros xa existente".
No caso das rutas comarcais, salvo as puntuais, a dos faros e a dos miradoiros é ideal para realizar en coche pola súa lonxitude, aínda que todas elas garanten a espectacularidade dos lugares polos que discorren.