Rosa Cedrón actúa este sábado no Aturuxo de Ourol, que terá buses gratis desde Viveiro

O festival empeza este venres con cea, concerto de Farrapos de Ghaita e foliada libre. No día grande tamén estarán Collón de Lola, Som do Galpom, Zënzar e Illa

aturuxo diputacion
photo_camera Presentación do festival na Deputación.AMA

A asociación Aturuxeiros organiza este venres e sábado o oitavo Festival Aturuxo en Bravos (Ourol), que ten como principal reclamo a Rosa Cedrón. Todos os concertos e actividades son gratuítas, así como a acampada e os autobuses para asistir que haberá desde Viveiro.

O programa abre este venres ás nove da noite cunha cea con paella, xamón cocido e bocadillos animada pola música de Farrapos de Ghaita. Para terminar a velada haberá unha foliada libre.

O día grande é este sábado e a actividade empeza á unha e media da tarde con sesión vermú a cargo do grupo Illa Pancha. ás dúas e media haberá unha comida con prezos populares, aos catro xogos tradicionais e de auga, ao seis espectáculo infantil con Pakolas e a partir das nove e media os concertos de Collón de Lola, Som do Galpom, Rosa Cedrón e Zënzar.

Ademais haberá postos de artesanías, pola tarde estará a pintora Laura Romeu e tamén haberá demostración a cargo dun canteiro.

PARADAS E HORARIOS. Os autobuses gratuítos sairán da estación de Viveiro e terán paradas na fonte de Xunqueira, a chaira do agricentro de Magazos, a ponte de Landrove, a igrexa de Galdo e A Feira, tamén en Galdo.

Os horarios de ida ao festival son á unha da tarde, as catro, as nove da noite, as dez e media e as doce. Para regresar a Viveiro haberá buses á unha e media da tarde, ás oito, as dez da noite, as once e as catro da madrugada.

A asociación Aturuxueiros de Bravos organiza o festival coa colaboración da Deputación de Lugo e o Concello de Ourol.

Comentarios