martes. 25.01.2022 |
El tiempo
martes. 25.01.2022
El tiempo

Unha rivalidade que se traslada da praia ao campo

Devesa e José Manuel posan coas camisolas de Celta e Iberia. J. Mª ÁLVEZ
Devesa e José Manuel posan coas camisolas de Celta e Iberia. J. Mª ÁLVEZ
Barreiros volve vibrar co partido entre o Celta e o Iberia, os dous equipos da vila, no que se bautizou xa como O derbi das praias

Volve O derbi das praias con máis forza ca nunca. O Cascabeiro recupera este sábado (16:00 horas) o partido que non lle deixou gozar a pandemia. No campo de San Cosme cítanse o Celta Barreiros e o Iberia nun partido cheo de alicientes na bancada e no verde, pola rivalidade municipal, e tamén nos bancos, xa que se verán as caras dous bos amigos de Foz que ata hai dous meses facían tándem dirixindo ao equipo de San Miguel de Reinante.

Trátase de José Manuel Teijeiro, que dirixe ao Iberia, e de Carlos Devesa, que colleu as rendas do Celta Barreiros en setembro. Aínda que ambos confirman que o xa bautizado como O derbi das praias non conta con moitos precedentes debido á traxectoria histórica de ambas escadras, todo fai indicar que vista a experiencia do ano pasado, non vai tardar en converterse, xunto aos xa míticos Lourenzá-Mondoñedo, nun dos grandes partidos da Mariña en canto a público e ambiente.

O último precedente, en xaneiro do ano pasado, xusto antes de estoupar a pandemia, deixara un gran sabor de boca entre afeccións, xogadores e directivas debido á espectacular afluencia de público que se rexistrara nas Valgas para un partido de 2ª Autonómica. Daquela impuxéranse os celestes por 1-2. O encontro de volta xa non se puidera disputar polo covid. Para atopar outro encontro entre ambos había que remontarse á temporada 2011/2012, con vitoria do Iberia e empate.

"Son equipos que se enfrontaron poucas veces porque historicamente o Iberia case sempre estivo en categorías superiores. Eu ao Barreiros recórdoo en Preferente só unha vez cando eu tiña 18 anos e xogaba no Foz. Estaba Siñeiro de presidente, que era unha moi boa persoa e un apaixonado do fútbol que morreu o ano pasado", rememora José Manuel.

A pesar de non terse dado moitas veces este partido antes, o pique san medrou rápido entre as dúas afeccións. "O Iberia sempre estivo por enriba e coincidiron pouco, pero o ano pasado ao volver estar xuntos en Segunda Autonómica, a xente de Barreiros, creo que emulando un pouco o que pasou no Lourenzá-Mondoñedo, animou a asistir ao partido e recordo un ambientazo na grada con 600 ou máis persoas, nun día moi bo e un partido moi disputado no que ganaran eles, aínda que agora xa teño que dicir nós", responde entre risas Devesa.

E é que naquel partido de xaneiro do 2020, o banco do Iberia estaba ocupado por José Manuel e Devesa. A chamada do Celta Barreiros en setembro, cando xa iniciaran a pretemporada co Iberia, fixo que se rompera a unión no banco, pero non a amizade. "Axudei a confeccionar o plantel do Iberia, pero chegou unha oportunidade que non podía rexeitar", explica Devesa.

Ambos valoran a importancia de que a xente volva ao fútbol e o faga nos campos dos equipos máis modestos. "É importantísimo porque para estes equipos ter unha boa taquilla ou sacar cartos cunha rifa é clave. O outro día houbo moi bo ambiente no Cascabeiro porque veu moita xente de Mondoñedo e cunha entrada desas ao mellor libras xa gran parte da temporada", indica Devesa.

ANOS 90. "Estes derbis recórdanme un pouco a aqueles Foz-Burela ou Viveiro-Xove que se viviron nos 90 na Mariña, onde había moitos porque chegaramos a ter cinco ou seis equipos en Terceira. Hoxe en día, salvo no Mondoñedo-Lourenzá, non hai as entradas de antes. Eu teño incluso un recorte vello dun Mindoniense-Burela no que se recaudaran 753.000 pesetas, que son 4.500 euros agora, pero naquela época estabamos falando de moitos cartos. Creo que é bo recuperar esas rivalidades sas e que a xente se volva enganchar ao equipo do seu pobo", afirma un José Manuel que asegura que agora goza moito máis co fútbol rexional ou local que co de Primeira.

Sobre como viven este partido os dous planteis, pensan que ambos están sabendo empaparse desta rivalidade. "É certo que no Celta a maioría de xogadores son de Foz, pero xa levan catro ou cinco temporadas aquí, así que xa case o viven máis que os do Iberia, que ao ser máis noviños, salvo Marcos, ao mellor se deixan ir un pouco máis. Aos do Celta gústalles máis que haxa este tipo de vidilla antes do partido", responde Devesa.

Tendo tantos veciños enfronte, para José Manuel tamén é moi especial. "Concretamente nesta semana non me crucei aínda con ningún, pero sempre se comentan cousas cando sae o calendario e miras cando son os derbis. Iso é o bonito. Moitos xogadores saíron da canteira do Foz, así que con varios coincidín noutros equipos".

SITUACIÓN DEPORTIVA. No meramente deportivo, o Celta Barreiros chega nunha gran dinámica despois de gañar os cinco primeiros encontros. Mentres, o Iberia está 7 puntos por debaixo, logo de acadar dúas vitorias, dous empates e unha derrota. Pero os derbis son outra cousa. "Este ano o Iberia está intentando xogar moito máis ao fútbol, estano facendo moi ben, mereceron ganar en Cabreiros e en San Cibrao e van estar arriba seguro porque teñen moi bo equipo. Nós teremos que perder algunha vez, pero oxalá non sexa neste derbi. Creo que teñen máis presión eles porque nós imos seguir sendo líderes aínda que perdamos e se ganamos irémonos a dez puntos", valora Devesa.

"Facer cinco de cinco é difícil en calquera categoría e amosa o potencial que ten o Celta Barreiros. Teñen xogadores con experiencia en Preferente e levan moitos anos xogando xuntos. Nós cambiamos o 60% do equipo, temos xente moi nova e necesitamos unha adaptación, pero o equipo está xogando e competindo moi ben. Son optimista e creo que imos acabar entre os catro primeiros porque tanto nos adestramentos coma no vestiario respírase alegría no grupo, algo que se transmite logo aos partidos. Estou moi contento co grupo de futuro que fomos capaces de formar e que espero lle dea moitas alegrías á xente do Iberia", conclúe José Manuel.

Que Devesa coñeza moi ben a José Manuel e aos xogadores rivais pode ser unha vantaxe, "pero tamén unha arma e dobre fío e José é un estudoso do fútbol e saberá defender o seu terreo perfectamente", avisa Devesa. O campo ditará sentenza este sábado, pero o importante antes, durante e despois do partido será o ambiente, a convivencia e a festa entre os veciños dun pobo ao redor do deporte.

Amizade
Unha relación que se empezou a forxar desde xuvenís
A José Manuel Teijeiro (Fazouro, 1972) e a Carlos Devesa (Foz, 1973) úneos unha grande amizade. Que nacesen cun só ano de diferenza fixo que xa puidesen compartir equipo en categorías inferiores e desde aquela o fútbol e o fútbol sala vinculáronos en moitas ocasións. "Coincidimos no colexio e xa foramos compañeiros no Lago Deportivo en xuvenís, nun equipo no que xogabamos a Liga Galega e era unha especie de selección porque o presidente, Silvestre Rúa, fichaba xogadores de toda A Mariña e incluso ía buscar xente de Ferrol, Lugo e Asturias. E logo, cando eu tiña 19 anos, volvemos coincidir xogando no Foz en Preferente e dous ou tres despois estabamos os dous en Terceira, el no Mindoniense e eu no Burela", recorda José Manuel.

Fútbol sala
E non só compartiron vivencias nos campos de fútbol, senón tamén nas pistas de fútbol sala. "Xogabamos xuntos naqueles míticos torneos de verán que había no Campo da Cabana. O noso equipo era o da Chuchi, unha discoteca mítica que había en Foz. Daquela viñan xogar grandes equipos como o Chaston e sempre había un ambientazo espectacular", relata José Manuel. Logo de compartir tantos momentos como xogadores, estaban destinados a vivir tamén experiencias xuntos nos bancos. E ese paso dérono na campaña 2018/2019. "O Xove fichoume en decembro, co equipo en descenso. E aí Carlos chamoume para ver se me podía botar unha man e conseguimos salvar o equipo e deixalo na zona tranquila. E logo seguimos xuntos no Iberia. Levámonos moi ben e axudoume moito. Fastidioume un pouco que se marchase, pero loxicamente era unha oportunidade que tiña que aproveitar e respéctoo totalmente. As cousas estánlle indo moi ben e alégrome moito por el", comenta José Manuel. "A do Celta Barreiros era unha oportunidade que non podía deixar pasar e agradézolle ao Iberia que non me puxese ningún problema. Téñolle moita admiración ao meu amigo José Manuel, aínda que sei que non lle gustou moito que me fose este ano", sinala entre risas Devesa.

Unha rivalidade que se traslada da praia ao campo
comentarios