Ribadeo e Viveiro amplían o horario de visita a cemiterios municipais

O vivariense reduce o aforamento ao 50% mentres que o ribadense fixa un circuíto para entrar e saír
VISTA PANORAMICA DEL CEMENTERIO DE RIBADEO- FOTO JM ALVEZ
photo_camera O cemiterio de Ribadeo. J.Mª ÁLVEZ

Os concellos de Ribadeo e Viveiro anuncian a ampliación do horario de visitas aos seus respectivos cemiterios municipais con motivo da festividade de Defuntos e de Todos os Santos. No ribadense aplicarase desde este xoves ata o vindeiro luns, 2 de novembro. Foz non ten instalacións deste tipo municipais, pero colaborará cos párrocos no que soliciten. 

O Concello de Viveiro comunicou igualmente as medidas organizativas decretadas con motivo da festividade. Limita o aforamento do cemiterio de Altamira ao 50 por cento da súa capacidade. A entidade local establece así mesmo un amplo horario de apertura desta instalación municipal desde este venres e ata o vindeiro luns. Será desde as nove da mañá ata as nove da noite. 

Desde o consistorio aconsellan tamén a presenza dun máximo de dúas persoas de forma simultánea por sepultura e establece en 30 minutos a duración máxima das visitas. Esta recomendación faina extensible aos cemiterios parroquiais para evitar concentracións de varias persoas ao redor das sepulturas e tamén reducir o tempo de visita ao cemiterio na medida do posible. 

Os responsables municipais acordaron con técnicos, Policía Local e Protección Civil o mantemento das entradas e saídas habituais ao camposanto vivariense, pero establece a obrigatoriedade de circular sempre pola dereita, tanto para acceder como para saír das instalacións, e de igual xeito á hora de moverse dentro do recinto. Recordan tamén que será obrigatorio en todo momento o uso da máscara e manter a distancia social interpersoal, fixada nun mínimo de dous metros. 

En canto á regulación do tráfico, o Concello comunica que desde o venres e ata o luns, ambos os días incluídos, a estrada de acceso ao cemiterio municipal de Altamira será de sentido único de subida, con saída pola paraxe das Nogueiras cara ao barrio de Pénjamo e a rúa Río dos Foles. Desde o Concello vivariense solicítase unha vez máis a todos o estrito cumprimento das medidas establecidas polas autoridades sanitarias para previr a propagación do covid-19. 

BANDO. Pola súa banda, o Concello ribadense establece un circuíto diferenciado de entrada e saída, ademais da obriga de manter as medidas de protección persoal, como o uso da máscara e o distanciamento de seguridade. O camposanto abrirá de nove da mañá a sete da tarde. 

O alcalde, Fernando Suárez, emitiu un bando para dar conta da ampliación do horario de apertura. O concelleiro aconsella que as visitas destinadas á limpeza e arranxo dos nichos e tumbas se realicen nos días previos ao 1 de novembro. 

"Recomendamos que as familias espacien no tempo as súas visitas e que as mesmas se limiten ao mínimo tempo indispensable para intentar evitar aglomeracións", indica o rexedor. 

Suárez Barcia subliña que dispuxeron "un circuíto diferenciado de entrada e outro de saída, entrando pola porta principal do cemiterio e saíndo pola porta que dá cara ao aparcadoiro. Tamén informamos que os aseos públicos están pechados", explica. 

O rexedor ribadense engade que ademais de ser obrigatorias as medidas de seguridade establecidas, hai que cumprir "coas limitacións en canto ás agrupacións de persoas de acordo con todas as normas sanitarias vixentes".

Comentarios