Ribadeo reclama liberdade de paso entre a localidade e o occcidente asturiano

O alcalde enviou un escrito á Subdelegación do Goberno na que alega que é unha "medida necesaria para a reactivación económica da vila"
Fernando Suárez. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Fernando Suárez. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O Concello de Ribadeo envioulle un escrito á Subdelegación do Goberno en Lugo para solicitar que se lle permita o acceso ao seu municipio á poboación do occidente asturiano que se achega habitualmente á localidade lucense para realizar as súas compras, como "medida necesaria para a reactivación económica da vila".

En declaracións aos medios de comunicación, o alcalde ribadense, Fernando Suárez, asegurou que se trata dunha petición realizada con cabeza "e con corazón", co "compromiso" de manter todas as medidas de protección recomendadas polas autoridades fronte á pandemia.

Fernando Suárez recordou que os veciños de Ribadeo e a poboación do occidente asturiano "forman parte dunha comarca natural", máis aló dos límites administrativos, o que fai que moitos veciños da comunidade autónoma veciña fixesen uso do "comercio local" ribadense de forma habitual. Recorda, así mesmo, que nin a provincia de Lugo nin Asturias "foron dos territorios máis afectados" pola urxencia sanitaria provocada polo covid-19 e, "ambas se atopan en Fase 1" do proceso de desescalada e "nunha situación moi semellante".

"Ribadeo vive do sector terciario e, ata fai unhas poucas semanas", recorda Suárez, os veciños do occidente asturiano "desprazábanse case a diario" á vila para realizar as súas compras. Por iso, o alcalde espera que co paso á Fase 2 en Galicia "se teña en conta esta petición". 

Comentarios