martes. 25.02.2020 |
El tiempo
martes. 25.02.2020
El tiempo

Ribadeo, peza por peza

Concurso de elaboración de puzzles por parellas. CABALEIRA (EFE)
Concurso de elaboración de puzzles por parellas. CABALEIRA (EFE)
A vila ribadense será escenario dunha competición de elaboración de puzzles por parellas

Como o xadrez ou os encrucillados, os afeccionados aos puzzles son lexión. Ben avindos e sobre todo moi fans do seu. Moitos deles teñen unha cita única ata o momento o próximo 15 de marzo en Ribadeo, convocados pola asociación Aepuzz en colaboración co propio Concello, Acisa ou algunhas entidades particulares. A vila ribadense acollerá desde as once e media da mañá o evento ao que bautizaron como Puzzleo. É o que parece: un campionato de elaboración de puzzles.

O concurso está organizado para celebrarse por parellas, con puzzles de 500 pezas a montar o máis rapidamente posible aínda que cun tempo máximo de dúas horas. A organización concederá premios e trofeos ás tres primeiras parellas e haberá outro especial para a primeira parella ribadense clasificada. Ademais, a xente de Ribadeo que participe tamén terá un desconto de 2 euros nos 14 que custa a inscrición, que é o mesmo que recibirán os socios de Aepuzz. No entanto, a organización entregará máis premios que sortearán entre todos os participantes cando finalice a cita.

Os participantes deberán completar montaxes de 500 pezas nun máximo de dúas horas

O lugar elixido para esta singular proba serán as instalacións da Casa do Mar e arrincarán ás once e media da mañá, co que á unha e media terá que estar acabado a montaxe dos puzzles. Os interesados en participar poden anotarse na www.aepuzz.es tamén se pode solicitar máis información no correo electrónico [email protected]

Esta será a primeira ocasión en que esta asociación realice unha proba destas características en toda a comarca da Mariña, onde son conscientes de que existe unha boa cantidade de afeccionados á arte dos puzzles e confían en que se atopen por parellas para participar no concurso.

Ademais, en certo sentido servirá de preámbulo a algún dos participantes para unha cita máis ambiciosa que haberá pouco despois. Trátase dun Campionato de España que terá lugar o 25 de abril en Aranxuez e ao que desprazarán a varios dos seus compoñentes.

Ribadeo, peza por peza
Comentarios