Ribadeo lanza unha campaña con palabras en clave para denunciar violencia machista

A iniciativa ponse en marcha a través do Concello e as catro farmacias da localidade
CEO2112P1F1
photo_camera Mari Luz Álvarez Lastra e Fernando Suárez Barcia. ARQUIVO

O Concello de Ribadeo e as catro farmacias da localidade puxeron este mércores en marcha unha campaña para que aquelas mulleres que estean a ser vítimas de agresións machistas durante o confinamento nos seus domicilios aproveiten as saídas para achegarse ás boticas e denuncialo coas palabras en clave 'Máscara 19'.

Pronunciadas esas palabras, activarase, grazas á colaboración das farmacias locais coa campaña 'Máscara 19', o protocolo de violencia de xénero do Concello de Ribadeo e prestaráselle apoio e toda "a axuda que necesiten" ás vítimas.

A concelleira de Igualdade, Mari Luz Álvarez Lastra, precisou que desde a súa área estiveron a analizarse estes días "nos que todos estamos recluídos nas nosas casas, os riscos que suporía para aquelas mulleres que son vítimas de violencia de xénero nos seus propios fogares" a convivencia continuada "cos agresores".

"Estabamos moi preocupados e preocupadas polos índices, que poderían ir en aumento, ao ter esa relación de convivencia tan estreita", engadiu.

Para evitar ese tipo de situacións, precisou, púxose en marcha esta campaña, para a cal se tomou como referencia unha iniciativa parecida do "Instituto Canario de Igualdade".

"Todas aquelas mulleres que o estean sufrindo, que sexan vulnerables" e todas aquelas persoas que poidan ser conscientes de que moi preto da súa casa está a producirse ese tipo de conduta", para "poder atallalo que vaian á súa farmacia máis próxima" e que digan as palabras "Máscara 19", dixo a edila. 

Comentarios