Ribadeo inaugura as luces co electricista a man: "Dalle aí ao interruptor"

O rexedor, Fernando Suárez, compartiu un vídeo en Facebook no que, invita a visitar a vila nun espontáneo discurso
Fernando Suárez.FACEBOOK
photo_camera Fernando Suárez.FACEBOOK

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, anunciou o aceso das luces de Nadal na localidade mariñá nun acto "sinxelísimo", gravado cun móvíl que el mesmo sostén e que posteriormente publicou no seu perfil de Facebook.

Na súa mensaxe, o rexedor, acompañado por outros membros do goberno local, advirte que non desafiará a Londres, a Nova York ou a Vigo, dado que prefire investir recursos en "Servizos Sociais", "cultura" ou "infraestruturas". No entanto, sostén que tratou de satisfacer a demanda do comercio de ampliar e mellorar as instalacións de anos anteriores.

Tras comentar o seu compromiso co medio ambiente e a elección de luces led de baixo consumo, Suárez dá a orde de aceso ao electricista, que espera subido a unha escaleira xunto a unha caixa do tendido eléctrico na rúa Rodríguez Murias: "Adiante, compañeiro. Cando queiras. Dalle aí ao interruptor".

A luz faise e o alcalde mostra unha visión panorámica do mercado e da instalación lumínica e invita a quen queira a visitar a vila.

Comentarios