Os ribadenses eloxian a Rúa San Roque pero botan en falta o aparcadoiro

Os hostaleiros están encantados co espazo de terrazas e a obra anima a reformar casas

A rúa San Roque de Ribadeo. I.G.
photo_camera A rúa San Roque de Ribadeo. I.G.

As obras da céntrica Rúa San Roque da localidade ribadense están oficialmente inauguradas, coa apertura este mércores ao tráfico da renovada travesía. Os veciños e empresarios están encantados co resultado, pero dubidan dos acabados, polas présas coas que se executaron os traballos e botan en falta os aparcadoiros que había antes.

"Xa mentres estaba en obras, a xente que quería ir onde ao Gadis ou á estación de autobuses, tiña que dar un rodeo pola vella estación, atravesando unha vía de terra con fochanca. E por aí vai ter que seguir indo a xente se quere aparcar na Rosalía de Castro para ir a recados, porque ir coas bolsas andando dende alí ata o aparcadoiro municipal, acabaría rompéndoche os dedos", consideraba a ribadense Teresa Fernández, que leva toda a vida vivenda en Ribadeo. "Agora está máis bonito porque a verdade é que quedou preciosa a rúa", conclúe.

A rúa gañou en espazo peonil, que tamén serve para colocar terrazas de hostalería. Lucía Iglesias recordaba cando, de pequena, saía do colexio das monxas para entrar polas estreitas beirarrúas que había en San Roque e recoñece que agora os estudantes da citada escola e, en xeral os peóns, pódense sentir máis seguros.

A pesar da seguridade e á comodidade para os peóns, en xeral a ningún dos enquisados lles parece oportuno peonalizar agora a rúa, pero talvez si no futuro cando se cre a terceira gran travesía de Ribadeo pola antiga estación de tren.

A xornalista ribadense Alba López, que pasou ao redor dun ano en Valparaíso, en Chile, asegura que alí o urbanismo é máis caótico, mentres que nas súas viaxes por Europa comprobou que se tende á humanización dos centros urbanos. "Entendo que, desde o punto de vista funcional, para quen acostuma a usar o coche, é máis incómodo non ter onde aparcar, nin en segunda fila, pero os comercios e a hostalería gañan en visibilidade e o peón en seguridade e benestar".

A melloría que experimentou a rúa anima aos propietarios de casas, algunhas indianas, a acondicionalas e as subministracións quedaron ben conectadas.

Comentarios