A Xunta afirma que a riada de Viveiro debeuse a un fenómeno que ocorre "cada 500 anos"

"Estamos ante unha situación que non se tería evitado con maior limpeza do río, porque non había obstáculos, senón herbáceas", defendeu a conselleira de Infraestruturas

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade –da que depende Augas de Galicia–, Ethel Vázquez, afirmou que a riada que se xerou o pasado domingo tras a caída dunha forte tromba de auga a última hora da tarde "non se podía evitar", posto que o caudal do río estaba limpo. Ademais, manifestou que o fenómeno natural ten unha posibilidade de retorno de 500 "anos", é dicir, é moi "pouco probable" que sucedese. 

Tres días despois da riada que se cobrou a vida dunha muller de 82 anos, Ethel Vázquez visitou a 'zona cero' que rexistrou as peores consecuencias, no barrio de Xunqueira, e reuniuse coa alcaldesa, María Loureiro, quen tamén apuntou aos medios que "hai casas que aínda están con moito barro", hai que repor contendedores e hai un "arduo labor de limpeza" e actuacións por diante. 

"Estamos a realizar traballos desde o primeiro momento para paliar os problemas da choiva torrencial", manifestou en declaracións aos medios Vázquez, quen apuntou que se puxeron a disposición os efectivos da Axencia Galega de Emerxencias, de Augas de Galicia e da Axencia Galega de Infraestruturas. 

Así, o mesmo luns iniciáronse os traballos e xa están "liquidando" os problemas dos viarios autonómicos, competencia da Xunta, á vez que tamén se traballou en colaboración co Concello nos tramos urbanos. Actualmente, séguese actuando no tramo medio do río Xunqueira, "limpando e arrincando todas as malezas e limpando os ríos que foron arrastrados".

ORIXE "EXTRAORDINARIA". Ethel Vázquez sinalou que, unha vez analizados os datos técnicos, pódese determinar que se tratou dun fenómeno "extraordinario". "Estamos a falar dunha choiva asociada a un período de retorno duns 500 anos, isto quere dicir que estamos ante unha choiva que pasa cada 500 anos, unha situación case improbable, case imposible que poida ocorrer", considerou a conselleira. 

Ademais, incidiu en que se trata dunha pendente "moi acusada" con vivendas "moi preto do río" e, segundo trasladaron os técnicos, alcanzan velocidades moi altas. "O que podemos pór de manifesto é que unha mellor limpeza do río, logo de comprobar en setembro que no tramo urbano só había herbáceas, non había obstáculos" no caudal, explicou. 

"Estamos ante unha situación que non se tería evitado con maior limpeza do río, porque non había obstáculos, senón herbáceas", aseverou a conselleira de Infraestruturas, quen en todo caso recoñeceu que sacarán "aprendizaxe" do sucedido, posto que "estamos ante un evidente cambio climático e desde todas as administracións deben colaborar". 

Ethel Vázquez tendeu a man "a colaborar" ao Concello de Viveiro para "seguir actuando e pensar en posibles medidas de futuro que se deban adoptar dentro dunha área de risco de protección". Ademais, a preguntas dos xornalistas, remarcou que "non tiñan coñecemento de que houbese maleza" como ramas na conca, respecto diso do que apelou aos informes técnicos. 

Así, manifestou a súa "comprensión" cara aos veciños e ante as denuncias que contrastan coas afirmacións da conselleira, Ethel Vázquez insistiu en que se contrastou coa inspección visual do mes de setembro" que só había herbáceas. Ademais, discrepou de que puidese caber o torrente de auga polos desaugadoiros habituais, inclusive sen maleza.
 

Comentarios