As reunións para financiar o plan económico retomaranse en xaneiro

A Federación de Comercio A Mariña e a Mancomunidade queren poñer en marcha un modelo para desenvolver as potencialidades da comarca durante os próximos dez anos
undefined
photo_camera O Fuciño do Porco, no Vicedo. AMA

A Federación de Comercio A Mariña (Fcam) e a Mancomunidade de Concellos da Mariña traballan desde finais do verán nun plan estratéxico de reactivación económica para a comarca co obxectivo de crear un modelo de desenvolvemento económico en base ás potencialidades da zona para os próximos dez anos. "Xa mantivemos os primeiros contactos na busca de financiamento para levar a cabo o proxecto e despois das festas de Nadal esperamos poder retomar os contactos para ir concretando apoios", explicou o presidente da Fcam, José Carlos Paleo.

Segundo indicou Paleo, as reunións mantidas ata o momento centráronse en encontros individuais con distintas administracións e entidades para coñecer a súa postura sobre o proxecto e o que se empezará a desenvolver co novo ano serán reunións colectivas nas que poñer en común os distintos puntos de vista. "Os cambios na Xunta e a prioridade que significa atender o covid-19 non permite avanzar con normalidade nin como a nós nos gustaría, pero seguimos traballando para sacar adiante o plan", engade Paleo.

Os obxectivos cos que traballan neste plan é dispoñer dun "diagnótico exhaustivo" da situación actual da comarca tendo en conta as consecuencias do covid-19, así como as particularidades das tres zonas da comarca. "Queremos coñecer a capacidade de desenvolvemento desta zona e contar cos datos máis claros posibles de cara ás axudas que van vir", recorda Paleo.

Nos eixos deste plan tamén figura a articulación de actuacións, con diferentes alternativas, segundo os recursos dos que se dispón no territorio e consolidar unha metodoloxía de planificación que permita identificar as necesidades actuais e futuras e crear un modelo organizativo que sirva de guía para os próximos dez anos.

O plan tamén inclúe mecanismos de seguimento que permitan ir avaliando os distintos proxectos e definindo posibles oportunidades.

Aposta polo turismo slow 
A Mancomunidade segue apostando por crear novas experiencias que fomenten o denominado turismo slow. O seu obxectivo é apostar pola diversificación en base a un turismo sostible con segmentos clave como o turismo de natureza, o cultural ou o gastronómico nos que crear e consolidar produtos que ofrezan a posibilidade de gozar do territorio sen présa. 

Presencia 
O ente comarcal teñen previsto reforzar a súa presenza nas redes sociais e nos medios de comunicación e difundir iniciativas en marcha como as Rutas de Artesanía ou as audioguías. 

25.000 euros 
É a axuda que a Mancomunidade recibiu da Deputación para impulsar o turismo.

Comentarios