O Resurrection Fest segue adiante e anuncia catro novas bandas

A organización estuda "todas as alternativas posibles para os escenarios que poida haber" pero a falta de tres meses afirma que a súa intención é "facer o festival"
Público en el Resu. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Público no último Resurrection Fest. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A organización do Resurrection Fest afirma que o festival, que se celebrará en Celeiro (Viveiro) do 1 ao 4 de xullo, "segue adiante con todo segundo o previsto" e confirma catro novas incorporacións ao cartel: os xaponeses Crossfaith, os suecos Raised Fist, os británicos Sylosis e os neoyorkinos Cro-Mags. Pola súa banda cáese Chelsea Grin "por cambios na súa xira norteamericana".

Os organizadores do festival aseguran que están en permanente contacto coas autoridades en canto á crise sanitaria, informándose da situación "en todo momento" e "estudando todas as alternativas posibles para os diversos escenarios que poida haber. Estamos a máis de tres meses do festival e pedímosvos calma, a nosa intención é facer o festival", afirman desde o Resu, que comunicará calquera posible cambio.

"Por favor: coidádevos moito e estade en casa", di finalmente a organización, que seguirá amenizando a corentena coa emisión de concertos e vídeos na súa canle de Youtube. "Entre todos poderemos. ¡Grazas e ánimo!", conclúe o comunicado difundido este venres pola mañá.

Comentarios