O Resu pecha o cartel de 2022, ao que se suma Mastodon

O festival vivariense pon á venda este venres as entradas soltas para cada día, a 79 euros excepto as do mércores que son a 39
Asistentes a un concierto del Resu. RESURRECTION FEST
photo_camera Asistentes a un concierto del Resu. RESURRECTION FEST

A organización do Resurrection Fest deu a coñecer o cartel definitivo para a edición de 2022, que durará por primeira vez cinco días, do mércores 29 de xuño ao domingo 3 de xullo, e que incorpora como últimas novidades a Mastodon, The Raven Age, Ciclonautas e Bourbon Kings.

Deftones, Judas Priest, Sabaton, Avenged Sevenfold e Korn son os artistas principais en cada unha das xornadas, entre un centenar de grupos que forman un dos carteis "máis completos e equilibrados".

Ademais, este venres ás doce do mediodía ponse á venda na páxina web do evento as entradas soltas para cada día do festival a un prezo de 79 euros máis gastos de distribución e desde a organización avisan de que "estarán moi limitadas". As da festa de presentación -o mércores 29- pódense adquirir a 39 euros máis gastos.

O festival informará proximamente sobre as zonas de descanso de pago, Beachcamp e Glamping, e sobre as viaxes organizadas en autobús desde distintas cidades para acudir a Viveiro. 

e8d40e21-90ef-4930-b2b6-d14bdcadee2f<>

Comentarios