O Restaurante Nito e o Hotel Ego de Viveiro reabren o luns

Tamén o fará o gastrobar do Urban. O xerente, Alejandro Balseiro, explica que extreman todas as medidas sanitarias
Alejandro Balseiro. J.Mª ÁLVEZ
photo_camera Alejandro Balseiro. J.Mª ÁLVEZ

Dous negocios emblemáticos en Viveiro como son Restaurante Nito e o Hotel Ego de Area preparan a súa reapertura para este luns 25 no seu horario habitual "con moita prudencia" e extremadas medidas sanitarias, segundo apunta o xerente do restaurante, Alejandro, co ánimo de volver ofrecer o mellor servizo e calidade aos clientes.

"Penso que toda a hostalería xa tinga unhas boas medidas de sanidade e hixiene pero agora téñense que duplicar, estamos moi concienciados niso, e á vez en intentar tamén que a xente desfrute e seguir diferenciándonos pola calidade, que é ou noso emblema, e dar cábese máis", comenta o hostaleiro, quen engade que aproveitaron a corentena para ampliar formación e estudar melloras. "Saímos reforzados en canto a coñecementos", di.

En ambos os establecementos realizaron as adaptacións necesarias para cumprir coas novas normas. "Temos que ser sensatos e sobre todo colaborar entre todos para poder vencer esta batalla", sinala Alejandro Balseiro, que di afrontar "con ilusión" o regreso "aínda que sexan momentos difíciles. Son innegociables a ilusión e as ganas", afirma, para dar o mellor de si ao cliente, cuxa confianza agradece.

URBAN. Balseiro, tamén xerente do Hotel Urban no centro de Viveiro, móstrase agradecido pola aceptación na reapertura da terraza o pasado sábado. "Estamos moi contentos, hai que ir pouco a pouco intentando aguantar porque isto é unha carreira de resistencia", reseña. Neste caso o luns abrirán a zona de restauración interior, o gastrobar, pero aínda non o hotel.

Comentarios