A residencia de maiores de Cervo debe permitir conciliar a unha traballadora

O xulgado falla a favor da xerocultora, que solicitou unha redución e unha flexibilización da súa xornada para coidar dun fillo
Residencia de Cervo. AEP
photo_camera Residencia de Cervo. AEP

A residencia de maiores de Cervo, da asociación Edad Dorada Mensajeros de la Paz, terá que aceptar a reclamación dunha xerocultora que solicitou un cambio de horario para a conciliación da vida familiar e laboral que en principio lle denegaron e acabou cunha sentenza do xulgado do Social número 2 de Lugo que fallou a favor da traballadora.

A muller solicitou o pasado mes de xaneiro unha redución de xornada que xustificou amparándose na necesidade de atender aos coidados dun fillo menor que ten ao seu cargo. Ademais da redución horaria, esta traballadora solicitou tamén unha flexibilización da xornada laboral fundamentando a súa petición en que estaba permitida polo Estatuto dos Traballadores.

A empresa aceptou a redución pero non o horario que propuxera a xerocultora, que era de luns a venres entre as oito da mañá e as tres da tarde. Pero a demandante alegou no xuízo que, en realidade, nunca chegou a recibir unha proposta da empresa que expuña un horario de oito a tres, pero de luns a domingo, polo que o xuízo virou ao redor dos dous días a maiores que a empresa quería que traballase a empregada.

Finalmente, o tribunal asumiu a proposta da gerocultora e, ademais, condenou a Edad Dorada Mensajeros de la Paz a indemnizala con 3.125 euros por danos morais que xustificou no tempo que tardaron en tomar a decisión de negar a redución de xornada e chega a asegurarse na sentenza que "déronse longas á traballadora" requiríndolle de forma continuada documentación de diverso tipo.