As reservas para visitar a praia ribadense das Catedrais están a verse resentidas tamén pola pandemia, a pesar de que se trata dun destino que en principio se adecúa moi ben ás esixencias actuais, ao tratarse dun espazo aberto. No entanto, aínda que na xornada do xoves a praia si conseguiu encher e todo indicaba que este venres o fará tamén porque ao peche desta edición apenas restaba un centenar de prazas libres, de cara ao fin de semana é pouco probable que consiga chegar a ese tope de 4.812 visitantes marcado pola Xunta.
Como dato identificativo diso, citar que de cara á xornada do domingo aínda hai máis dun milleiro de prazas libres. Isto é unha rareza porque na xornada do 25 de xullo é sempre moi habitual que a praia colgue o cartel de completo.
Ao coincidir este ano en domingo, esa circunstancia podería facerse tamén extensiva á xornada do sábado, pero polo momento son case 900 as prazas que están libres para sábado.
Polo momento son case 900 as prazas que están libres para sábado
RAREZA. A pesar destas cifras de ocupación das Catedrais, o certo é que a tempada turística en Ribadeo non responde a esa dinámica en absoluto, xa que hai unha gran cantidade de turismo na vila, como está a suceder nas outras localidades turísticas da comarca mariñá.
A ocupación hostaleira está en cifras moi altas e unha das razóns que se adoitan argüir para iso é que probablemente moita xente sacrificou viaxes ao estranxeiro para facer turismo nacional.
A incerteza sobre as medidas que se van a ir adoptando en distintos países pola pandemia podería estar a beneficiar ao turismo nacional e A Mariña non é unha excepción.