Rescatan os tripulantes dun pesqueiro que naufragou fronte á costa de Lugo

Foron localizados cando empregaban a balsa salvavidas para abandonar o barco, que se incendiou mentres se afundía

Salvamento Marítimo, coa colaboración do 112 Galicia, rescatou a madrugada do martes ao mércores aos cinco tripulantes dun pesqueiro que se ía a pique a unhas 30 millas ao norte de Ribadeo.

Foron trasladados na aeronave ao Heliporto de Celeiro, onde esperaban varias ambulancias do 061-Urxencias Sanitarias

Os tripulantes foron localizados cando empregaban a balsa salvavidas e abandonaban o barco, que se incendiou mentres se afundía.

Así, tras activarse a radio baliza, ao redor da 1:30 horas desta madrugada, Salvamento Marítimo solicitou a intervención do persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia para efectuar o rescate a bordo da Pesca II.

Deste xeito, os cinco ocupantes do pesqueiro, de nome Roymar e con base en Laxe, foron trasladados na aeronave ao Heliporto de Celeiro, onde esperaban varias ambulancias do 061-Urxencias Sanitarias co fin de ofrecer os primeiros coidados á tripulación.

Igualmente, desde Salvamento Marítimo, enviouse a embarcación Salvamar Aliot e pediuse a colaboración do equipo do Buque Sargalia coa intención de atallar as chamas que se produciron posteriormente nos restos do barco, que se afundiu ao mediodía do mércores.

Comentarios