Rescatan a 30 persoas das Catedrais ante o perigo de quedar atrapados pola marea

O incidente tivo lugar no mesmo sitio no que un helicóptero rescatou a unha parella hai un mes
Turistas en As Catedrais. P.V
photo_camera Turistas nas Catedrais. P.V

Unhas trinta persoas foron rescatadas na tarde deste martes duns dos cantiis da praia das Catedrais de Ribadeo ao correr perigo de quedar atrapados pola marea.

O grupo de bañistas atopábase na mesma zona na que hai un mes houbo que rescatar en helicóptero a unha parella ao quedar atrapada nas mesmas pedras onde a marea sobe máis rápido que no lado contrario o que dá unha falsa sensación de tranquilidade.

O axente ambiental da Xunta, destinado na praia, avisou ás autoridades e organizouse un dispositivo para poder rescatalos, para o que tiveron que saír por unha cova coa auga polo xeonllo, comentan desde a Policía Local ribadense, desde onde fan un chamamento á prudencia, conscientes de que se se tarda media hora máis en avisar poderían ter problemas para rescatar a todos as persoas, a maioría das cales aproveitaba para tomar fotos do mar.

Os axentes locais tamén foron advertidos dunha pelexa no aparcadoiro do areal, pero cando acudiron xa non estaba ningún dos implicados.

Comentarios