domingo. 25.08.2019 |
El tiempo
domingo. 25.08.2019
El tiempo

Renfe di que non abriu as portas do Feve do sábado "por seguridade"

Estación de tren de Burela. D.V.
Estación de tren de Burela. D.V.

O PP demanda explicacións a Llano agora que o PSOE está no Goberno central

Renfe xustificou este luns que o tren de Feve que parou na noite do sábado, ás 21.45 horas, na estación de Burela non abrise as portas "por razóns de seguridade, dado que non cabían máis pasaxeiros" ao circular "completo" o único vagón con que contaba o vehículo. A situación provocou indignación entre os grupos de mozos que se apiñaban na estación burelense para tomar este transporte cara ás localidades de Foz e Ribadeo, onde se celebraban O Carmen e a recreación indiana.

A compañía ferroviaria reitera que o tren "efectuou a parada regulamentaria e, dado que non se apeou ningún viaxeiro, non se abriron as portas". O feito de que só aparecese a máquina á súa chegada a Burela causou malestar entre os afectados, sucedéndose desde ese momento as críticas a un servizo deficitario na comarca da Mariña lucense.

A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo considera que a falta de servizos, as avarías continuas e as carencias de persoal abocan ao tren de vía estreita ao peche definitivo. Neste sentido, asegura que as administracións fan oídos xordos ante o clamor dunha zona que ven abandonada en canto ao transporte público.

ESTACIÓN DE AUTOBÚS. Doutra banda, o Partido Popular de Burela, liderado por Manuel Rouco, destaca que a conselleira de Infraestruturas cumpriu o anunciado hai dous meses ao licitar a mellora da estación de buses (que comparte plataforma co tren), "demostrando que a Xunta de Feijóo é un Goberno de feitos, non só de palabras".

A agrupación subliña que "o PP cumpre coa nosa localidade, neste caso con máis de 70.000 euros de investimento nesta importante infraestrutura, mellorando a espera dos viaxeiros e das empresas concesionarias". Rouco cre adecuada esta forma de investir nas comunicacións e non o ocorrido a fin de semana co tren, "nuns días nos que era máis que previsible a máxima actividade no transporte público, debido á acumulación de grandes festas". O popular pregúntase se o alcalde e presidente da Mancomunidade ten algo que dicir "ou só se queixa cando é outra cor política a que está situada na Moncloa".

Pola súa banda, a executiva local de Compromiso por Galicia (CXG) en Burela fíxose eco da noticia avanzada polo diario El Progreso respecto de que o último tren do día, que une Viveiro con Ribadeo, deixou tirados aos mozos que esperaban na estación, o que ao seu xuízo proba o interese do Goberno central por desmantelar este servizo. Ademais, arremete contra o alcalde de Burela, Alfredo Llano, tamén como presidente da Mancomunidade, asegurando que "lonxe quedaron as súas viaxes reivindicativas, facendo uso do 'agora mandan os meus' e agora non se pode molestar".CxG define esta actitude como "desleal con Burela e A Mariña".

Compromiso reclama plenos da Mancomunidade e do Concello de Burela para solicitar o cesamento inmediato do presidente de Renfe en Galicia, Javier Pérez López. A formación incide na necesidade de defender os servizos públicos, a igualdade territorial e a posta en valor dos existentes.

Renfe di que non abriu as portas do Feve do sábado "por seguridade"
Comentarios