O reitor da USC, Antonio López, foi nomeado embaixador de Barreiros no Camiño Norte

O docente, natal de Cabarcos, subliñou o papel "incrible" que acadaron as peregrinacións como fenómeno global ►A alcaldesa, Ana Ermida, cualificou a universidade como "unha das institucións máis importantes deste país"
Ana Ermida entrega a Antonio López unha escultura de María Sánchez como recordo do nomeamento. P.V.
photo_camera Ana Ermida entrega a Antonio López unha escultura de María Sánchez como recordo do nomeamento. P.V.

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, foi nomeado este sábado como embaixador de Barreiros no Camiño Norte de peregrinación a Santiago seguindo a iniciativa O Camiño a bocados da asociación Axel que quere poñer en valor a gastronomía e o patrimonio natural e cultural das zonas que percorre a ruta xacobea a través de accións promocionais.

O acto no que se fixo este nomeamento foi moi recollido a consecuencia das restricións impostas pola pandemia. A propia alcaldesa, Ana Ermida, recoñeceu que era unha mágoa "porque doutro xeito aquí habería un morea de xente para homenaxear como se merece ao noso veciño Antonio López".

O recoñecido falou durante un acto dun pouco de todo. Sobre a universidade da que é o máximo responsable apuntou que segue atopándose entre as 500 mellores do mundo «e aínda que dito así non parece gran cousa, hai que pensar que hai máis de catorce mil, así que eu penso que o feito de que unha universidade que está nun recuncho pequeno a nivel mundial estea aí ubicada, pois non está nada mal».

Sobre o Camiño propiamente dito, Antonio López reflexionou que é necesario coidalo "porque ás veces realmente parece que funciona só, cando non é así para nada". E fiou o seu argumento con algún feito curioso que se atopou "como que por exemplo moitas veces aínda é necesario explicarlle á xente que Lugo ten mar, que temos praias, que as augas máis quentes de Galicia son as nosas. E esto hai que decilo e hai que facelo, e ten moitísimo valor".

O SEU POBO. Sobre a súa circunstancia de barreirense, Antonio López falou particularmente satisfeito: "Eu síntome moi querido aquí, onde nacín, este é o meu berce, teño aquí os meus amigos cos que aprendín a xogar, a falar, cos que fun á escola e eso marca a un. É certo que agora estamos nun mundo global, que podemos chegar a onde queiramos, pero segue sendo moi importante ter algunha referencia, todos debemos tela, e eu, aínda que xa levo moitos máis anos en Santiago que en Barreiros, é aquí onde me sinto moi cómodo, onde sempre estou encantado de estar e encántame a forma de ver o mundo que temos aquí".

ANA ERMIDA. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, tamén se amosou persoalmente encantada de facer un recoñecemento no que mesmo se emocionou nalgún momento. Foi cando lle tocou lembrar o tempo que facía que coñecía a Antonio López "que foi o meu profesor, o meu mestre e unha influencia importante na miña vida".

Pero apuntou que a escolla que fixeron para representar a Barreiros no Camiño Norte vén en definitiva pola súa condición de veciño de Cabarcos e máximo representante "dunha das institucións máis importantes deste país que fai posible que fillas e fillos de costureiras e labregos, se así o desexan, poidan acceder ao ensino universitario".

Comentarios