Reigosa reivindica o uso do galego na apertura da Feira do Libro de Foz

O escritor e cronista oficial de Mondoñedo centrou o pregón inaugural na importancia de non permitir que o idioma deixe de empregarse na fala e na transmisión e creación cultural
Antonio Reigosa, na lectura do pregón da Feira do Libro de Foz, coas autoridades detrás. JM PALEO
photo_camera Antonio Reigosa, na lectura do pregón da Feira do Libro de Foz, coas autoridades detrás. JM PALEO

A Feira do Libro de Foz abriu este xoves a súa trixésimo cuarta edición, sendo a terceira máis antiga de Galicia. O recinto estará aberto ata o domingo de cinco e media da tarde a dez da noite na praza Conde de Fontao. A inauguración deulle paso ao pregón, que estivo a cargo de Antonio Reigosa. Este autor destacaba que "a Feira do Libro de Foz é un caso moi especial por tratarse unha das máis antigas de Galicia". Reigosa tocou varios temas que, a pesar de non ser novos, é necesario recordar. Entre eles, a necesidade de reivindicar o uso do galego.

Para facelo empregou o verso final do poema 'Deitado frente ao mar' de Celso Emilio Ferreiro, que está inscrito nun mural situado no porto da localidade focega e cuxas liñas tratan dos anos 60. Xa por aquel entón, recordaba a importancia de non deixar de empregar o galego.

Reigosa tamén remarcou, no seu discurso, a importancia do vínculo existente entre Foz e as creacións de autores coma Cunqueiro. Tamén brindou o seu agradecemento ao cronista oficial focego, Suso Fernández por ser o promotor destas feiras dende os seus comezos.

É necesario darlle un apoio ao galego porque non está vivindo o seu mellor momento

O tema central do pregón de Reigosa ocupou moitas reivindicacións. A día de hoxe e para este autor, "cada vez hai menos falantes: no urbano quedan moi poucos e onde antes quedaban agora xa se perderon porque son zonas que se están quedando deshabitadas". É por iso polo que Reigosa tamén reivindica a importancia destas feiras e a necesidade de darlle visibilidade á lingua galega e ao seu emprego para a creación e a transmisión literaria: "É necesario darlle un apoio ao galego porque non está vivindo o seu mellor momento" e engade que "ao final quen eliximos somos nós".

Antes do pregón actuou O Feitizo. A inauguración contou coa presenza de Cielo Fernández, representante de la Federación de Libreiros de Galicia e propietaria da libraría Bahía de Foz; de José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta en Lugo; a deputada provincia de Medio Rural e Mar, Mónica Freire e o alcalde focego, Fran Cajoto, entre outras autoridades.

Programa: presentacións e firmas nas casetas
Nesta edición da feira participan nove casetas entre librerías e algunha editorial.

VENRES
María Soliño e Elisabeth Bowman estarán asinando libros e haberá un concerto da man de Xoán Curiel. Presentaranse tamén os libros 'O paraugas na raiola', de Paco Rivas, e 'Ficar', de Cristina Corral Soilán.

SÁBADO
Sonia Arias, María Soliño e Juan Prieto estarán asinando libros e Magín Blanco representará 'A nena e o grilo, máis aló'. Presentaran obra Fernando Redondo, David Val e Paco Rivas.

DOMINGO
Farán presentacións Irene Rega, Luís Vallecillo e Cristina Solar e estarán asinando os seus libros Esther López e Manuel Portas.

Comentarios