O recuncho de... Xacobo Ares: "O monte de Santa Cruz é especial para a música tradicional"

Xacobo Ares, no monte de Santa Cruz. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Xacobo Ares, no monte de Santa Cruz. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Xacobo Ares é integrante do cuarteto de música tradicional ribadense Os Recuncheiros, ademais de director artístico das Xornadas Etnográficas da Mariña e fundador da asociación cultural Tecedeira. Por iso non é de estrañar que elixa como o seu recuncho na comarca o monte de Santa Cruz, en Ribadeo, moi vencellado á música e á cultura tradicionais. "Para a xente que nos dedicamos á música tradicional é un lugar moi especial", recoñece, "aquí é onde se celebra cada primeiro domingo de agosto o Día da Gaita Galega e a romaría e Xira de Santa Cruz que vén organizando a asociación Amigos da Gaita, á cal pertencín durante uns anos, dende 1965". 

Xacobo tamén destaca que en Santa Cruz se atopa "o primeiro monumento ao gaiteiro que se fixo no país, obra do escultor ourensán Antón Failde, inaugurado en agosto de 1965". Ademais da súa vinculación coa música tradicional, para Xacobo Santa Cruz é "unha paraxe excepcional, dende o seu mirador podes contemplar a vila, a ría de Ribadeo e a ponte dos Santos". 

E tamén é un lugar do que garda moitos recordos, "non só do día da Xira". "Era moi típico entre os meus amigos subir a celebrar os cumpreanos ao monte, pero non podo contar máis, o que pasou en Santa Cruz, queda en Santa Cruz", bromea. Aínda hoxe, Xacobo sobe a Santa Cruz sempre que ten oportunidade "para pasar un ratiño por aquí". "A última vez que subín foi para ensaiar ao aire libre co cuarteto tradicional Os Recuncheiros", indica. 

Para Xacobo calquera momento é bo para achegarse a Santa Cruz, aínda que "no verán ten unha cor especial, e por suposto, no seu día grande, o día da romaría, énchese de música tradicional e de baile todo o día". 

Como lugar especial para Xacobo, el ten claro os tres motivos polos que Santa Cruz merece unha visita: as vistas que ofrece o seu mirador, a paisaxe que alberga e a tranquilidade que transmite "cando un ven pasear por aquí", di.

Comentarios