Reclaman a reparación da N-634 en Mondoñedo tras días coa A-8 pechada

O Concello denuncia que o mal estado" do asfalto "constitúe un risco" para os "vehículos que transitan" por esta vía
N-634 a su paso por Mondoñedo. EP
photo_camera N-634 ao seu paso por Mondoñedo. EP

O Concello de Mondoñedo insistiu na necesidade de que se repare canto antes a estrada Nacional 634 ao seu paso por este municipio, despois de que a semana pasada a Autovía do Cantábrico A-8 permanecese cortada "varios días" por mor da néboa no Alto do Fiouco -no tramo entre Mondoñedo e Abadín-, entre os quilómetros 536 e 552. 

O goberno local de Mondoñedo recordou, mediante un comunicado, que por mor desa situación, que se repite con relativa frecuencia, os usuarios da autovía foron desviados a través da Nacional 634 pola súa seguridade, dado que os densos bancos de néboa dificultaban moito a visibilidade. 

Desde o Concello de Mondoñedo recordan que, a pesar desa circunstancia, "os accesos" á Nacional 634 "seguen sen iluminación" e "o firme está moi deteriorado". 

"Estamos a entrar nunha época que permite facer obras. Arranxar a Nacional-634 sería recomendable neste momento", engade a administración local, "para que no verán, que é cando máis usuarios pasan por esta vía, estivese en boas condicións". 

Segundo o Concello, "acometer a mellora" da Nacional 634 tamén implica "garantir a seguridade dos usuarios" que ven obrigados a facer uso dela cando o tráfico queda pechado na A-8 por mor da néboa, dado que neste momento falta iluminación e o mal estado" do asfalto "constitúe un risco" para os "vehículos que transitan por ela". 

"Desde a lealdade institucional, reiteramos a petición sobre un investimento que é de xustiza, coa nosa localidade, pero tamén con todos os usuarios da A-8 que a usan de xeito constante", conclúe. 

Comentarios