A Real Filharmonía abre o venres en Viveiro o noveno Festival Bal y Gay

Preto de 300 persoas esgotaron as entradas para esta esperada cita
Presentación este viernes en Santiago del festival Bal y Gay. EP
photo_camera Presentación do festival Bal y Gay deste ano. EP

O Festival Bal y Gay inaugurará a súa novena edición este venres 12 de agosto ás 20:30 horas coa actuación da Real Filharmonía de Galicia (RFG) no Teatro Pastor Díaz de Viveiro.

Preto de 300 persoas esgotaron as entradas para esta esperada cita, xa que facía varios anos que os concertos do festival non recalaban na cidade do Landro.

Con respecto á RFG, orquestra formada por 50 músicos de 17 nacionalidades, "gañouse con suor a súa condición de emblema cultural en Galicia" tras máis de 25 anos de historia, adquirindo unha "gran notoriedade nacional e internacional" coas súas últimas xiras, indican desde a organización do evento.

Nesta ocasión, será o seu director asociado, o compostelán Maximino Zumalave, quen estará á fronte da formación para interpretar a Serenata para cordas de Xesús Bal y Gay e a Sinfonía non.7 de Beethoven.

"Creo que todos os que formamos parte da Real Filharmonía de Galicia sentimos moi honrados de abrir a novena edición do Festival Bal y Gay en Viveiro cunha obra de Xesús Bal y Gay", indicou Zumalave.

O director galego recordou que "hai dous anos tamén inauguramos o festival tocando, naquela ocasión na Catedral de Mondoñedo, o Concerto Grosso do compositor que dá nome ao festival".

"É unha demostración de que a nosa orquestra é de verdade de Galicia, de toda Galicia e que os compositores galegos teñen un espazo importante", reivindicou Zumalave.

Con respecto á obra de Bal y Gay que a RFG interpretará en Viveiro, o director asociado da orquestra apuntou que "está en consonancia perfecta coa estética da época en que se compuxo", entre os anos 1941 e 1942.

Zumalave sinalou que nela se podía "recoñecer o neoclasicismo e a influencia de compositores tan significativos como Stravinski, con quen Bal y Gay estivo tan relacionado".

Para rematar, en relación á sinfonía de Beethoven, o responsable musical da RFG relatou que se trata dunha "obra moi coñecida que como toda boa música cada vez paréceme máis grande".

Comentarios