Ravachol ingresa na colección de figuras de Sargadelos

A concelleira de Festas, Carme da Silva, celebrou que o emblemático papagaio pase a formar parte da "fauna" da cerámica
Javi Presentación nueva figura de Sargadelos de ravachol
photo_camera A nova figura de Sargadelos. JAVIER CERVERA

O papagaio Ravachol, sen dúbida o personaxe máis emblemático do entroido de Pontevedra, incorporouse á colección de figuras conmemorativas que Sargadelos dedica ás principais representacións do entroido en Galicia.

Esta escultura de cerámica, elaborada na fábrica que a compañía galega ten na localidade coruñesa de Sada, non formará parte do catálogo xeral da firma e venderase en exclusiva na galería Sargadelos de Pontevedra.

O responsable do establecemento, Diego Torrado, explicou na presentación desta figura que o proceso de deseño comezou hai dous anos, por mor dunha escultura que Sargadelos fixo da igrexa da Peregrina de Pontevedra.

"Vimos na colección de Sargadelos faltaba unha figura que representase ao entroido pontevedrés", sinalou Torrado, tras apuntar que a firma comercializa figuras, entre outros, dos peliqueiros de Laza, os cigarrones de Verín ou as pantallas de Xinzo.

Na propia tenda, ademais, exporase unha pequena mostra dos prototipos que se foron realizando da escultura, entre eles os modelos feitos en barro, escaiola ou coas primeiras capas de pintura.

A concelleira responsable de Festas no Concello de Pontevedra, Carme da Silva, celebrou que Ravachol pase a formar parte da "fauna" de Sargadelos e da "simboloxía" do entroido "que sempre caracterizou a esta casa". 

O Concello adquirirá varias destas figuras para entregalas aos premios dos diferentes concursos que se celebran na cidade con motivo do entroido.

Comentarios