martes. 16.07.2019 |
El tiempo
martes. 16.07.2019
El tiempo

Raúl e Roberto Carlos, lendas madridistas, estarán en Viveiro

Raúl González e Roberto Carlos, nun acto do Real Madrid. AEP
Raúl González e Roberto Carlos, nun acto do Real Madrid. AEP

O madrileño chegará como técnico do Real Madrid Castela para o Trofeo Luís de Carlos, o 3 de agosto, e o segundo podería estar na cidade do Landro como embaixador do club branco

Raúl González, un dos futbolistas máis mediáticos e queridos da historia do Real Madrid, estará o 3 de agosto en Viveiro. Farao como adestrador do Real Madrid Castela e enfrontándose ao Club Deportivo Lugo nunha nova edición do Trofeo Luis de Carlos. Xunto a el podería estar tamén Roberto Carlos. O exfutbolista brasileiro, que fixo labores de axudante no cadro castillista no último tramo desta campaña, posiblemente visitaría A Mariña exercendo as funcións de embaixador do conxunto branco.

Fontes da directiva do Viveiro CF corroboran que "a presenza de Roberto Carlos é case segura" e avanzan que o seu soño sería que tamén acudise o presidente do Real Madrid, Florentino Pérez, "pero pola súa axenda e porque sempre lle pode xurdir algo de última hora, parece máis complicada", sinalan desde a entidade celeste.

O feito de que Alfonso de Carlos presida o club vivariense, unido ao respecto e recoñecemento que aínda mantén no seo Real Madrid a familia de Luis de Carlos, histórico presidente branco, axudou a que a presenza do Castela sexa unha realidade. Nas conversas foi clave a mediación de Pepe de Carlos, irmán do presidente do Viveiro e socio número 20 da entidade de Concha Espina.

Os directivos do Viveiro admiten que a presenza do presidente branco é dubidosa

A filial madridista, que competirá un ano máis en Segunda División B, verase as caras co Lugo, de Segunda División, nun trofeo que seguramente atraerá moitos afeccionados a Cantarrana pola presenza de Raúl no banco, así como pola dalgún futbolista no céspede como Takefusa Kubo, o coñecido como "Messi xaponés", xogador que acaba de incorporar á disciplina do Castela. A cita será o sábado 3 de agosto e o encontro dará comezo ás 19 horas en Cantarrana.

CONCENTRACIÓN E PEÑAS. O Real Madrid Castela non se limitará a xogar o trofeo Luis de Carlos, senón que realizará unha pequena concentración de pretemporada en Viveiro de dúas ou tres días, nos que utilizará o campo de Cantarrana para os seus adestramentos.

Aproveitando a presenza do Castela en Viveiro, o hotel thalasso Cantábrico Las Sirenas acollerá ese mesmo sábado unha reunión de todas as peñas madridistas da provincia de Lugo.

O acto, organizado polo club branco, contará cunha comida de confraternización e agárdase a presenza dalgún xogador histórico do Real Madrid como é o caso do galego Amancio Amaro, habitual neste tipo de citas na comunidade.

Raúl e Roberto Carlos, lendas madridistas, estarán en Viveiro
Comentarios