Sen rapa en Campo do Oso

Este será o segundo ano consecutivo que non se poderá celebrar o curro en Mondoñedo despois de que en 2019 a néboa obrigara a suspendelo
mondint
photo_camera Rapa das bestas de Mondoñedo, en 2018. AMA

O curro de Campo do Oso, na parroquia mindoniense de Santa María Maior, volverá quedar este ano en silencio. Non soará o rebumbio dos cabalos cando chegan ao curro nin se escoitarán as loitas entre a besta e o aloitador nunha tarefa ancestral que cada ano congrega a milleiros de curiosos. "A distancia social é imposible de manter porque se xunta moita xente", explica Miguel García dende a organización, "tería que pesar moito a responsabilidade persoal, pero pensamos que o máis axeitado é suspendela porque non se pode organizar coas suficientes garantías". "Sabemos que a Xunta está traballando nun borrador para as festas e as celebracións, pero tendo a data tan encima resulta imposible poder organizala a tempo", engade e descarta un aprazamento da cita, porque "a data é cando é e si a moves xa perde parte da súa esencia".  

Será o segundo ano consecutivo que Campo do Oso quede sen rapa. Sempre se celebra o último domingo do mes de xuño, pero o ano pasado xa non se puido levar a cabo por mor da intensa néboa que impediu xuntar os cabalos no monte e baixalos ao curro. "Dous anos sen poder facela condiciona moito a celebración porque a xente pódese desenganchar dela", lamenta García, que sen embargo subliña que a idea da organización pasa por voltar con máis forza o vindeiro ano e para iso xa están empezando a traballar.

"Querémoslle dar un novo pulo á cita, porque pensamos que o que se fai en Campo do Oso é algo que non se ve noutros lugares porque é unha rapa en estado puro", explica García, que xa adianta que dende principios de 2021 irán avanzando o que será unha rapa renovada. De feito, esta nova rapa xa está en marcha coas melloras que están planificadas no curro. Unha delas é a mellora do peche: "O peche é de madeira e aínda que está tratada, xa está bastante deteriorada e precisa un arranxo, polo que estamos mirando alternativas en canto ao material para que sexa máis duradeiro". 

Ademais de mellorar o peche, a organización aposta por unha nova organización do espazo cambiando, por exemplo, a ubicación dos postos que asisten á rapa. "Queremos darlle un novo pulo, un aspecto renovado e que a xente atope algo diferente cando volva en 2021", di García. 

Comentarios