Os radares da DXT formularon durante o ano pasado 2.460.056 denuncias por exceso de velocidade, segundo revela un estudo realizado por Automobilistas Europeos Asociados (AEA). Destas, 14.289 rexistrounas o radar fixo situado na A-8 no Fiouco, entre os municipios de Mondoñedo e Abadín, que o mesmo estudo sitúa no posto 27 dos 50 radares que máis multan en España, o segundo en Galicia.
Esta cifra de multas prodúcese a pesar das limitacións de mobilidade establecidas pola pandemia, que en liñas xerais supuxeron un descenso do 17,46% das sancións con respecto a 2019 en todo o territorio español ao haber unha redución dos desprazamentos por estrada dun 25%. No caso do Fiouco non se pode establecer unha comparativa co ano anterior, posto que o estudo non ofrece datos das sancións que se rexistraron nese ano. Con todo, este radar non figuraba ese ano no ranking de AEA dos 50 que máis multaban, polo que se constata un incremento no número de sancións.
Na análise destes datos hai que ter en contan os días que a autovía permanece coa velocidade limitada a 60 quilómetros ou ben está totalmente cortada co tráfico desviado pola N-634 debido á intensa néboa. Tomando como referencia unicamente a semana pasada, o martes a velocidade tivo que limitarse a media mañá debido á escasa visibilidade que condicionaba a seguridade dos usuarios e a mesma circunstancia deuse na madrugada do mércores. Os condutores eran avisados cos correspondentes paneis luminosos para que adaptasen a velocidade ás condicións da vía.
O xoves pola noite os densos bancos de néboa obrigaron a cortar a vía na súa totalidade e a circulación non se restableceu ata o mediodía do venres.
Este fenómeno de densa néboa sucédese ao longo do ano, con todo, é nestes meses de finais da primavera e principios de verán cando se producen con maior asiduidade, coincidindo tamén co aumento do tráfico da época estival.
O radar que máis sancións rexistrou o ano pasado sitúase na A-7 en Málaga. No segundo posto figura un en Valencia e en terceiro, un de Madrid.