¿Qué fue de...Daniel Río, Caxigueiro?

Daniel Río é Caxigueiro, un artista nado en Mondoñedo e que ten o seu propio eido artístico non lonxe de alí: en San Martiño (Foz), onde creou o Espazo Caritel. Entre camelias e máis de 70 árbores de todos os continentes mestúranse as súas esculturas, sempre reflexivas e nas que segue a traballar
Daniel Río, junto a una de sus camelias. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Daniel Río, junto a una de sus camelias. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Non pechou o Espazo Caritel de San Martiño durante a pandemia. Alí, a carón da basílica, atópase este curioso entorno no que Daniel Río, Caxigueiro, mestura arte e natureza. Nado en Mondoñedo, hai que irse ata 1980 para ver a súa primeira exposición. Xa van moitos anos desde entón e moitos traballos que o levaron a Arco, á Cidade da Cultura, a salas de Zaragoza, Valencia, Barcelona e practicamente por toda Galicia. Agora segue a atender este espazo singular aínda que di que os anos se lle van botando en riba e non poderá coidar sempre uns xardíns cheos de camelias e con árbores abraiantes.

Da época da pandemia conta que a el non lle afectou moito "porque o espazo da visita é unha zona aberta, así que o único que fixen é que na parte da sala de exposicións, aínda que está ventilada, se había moita xente, eliminábaa do percorrido, pero a maioría del faise en plena natureza". Tamén di que lle gustaría que os organismos oficiais lle deran máis visibilidade, pero non só ó seu, a todos os espazos similares como Finca Galega ou o Eido Dourado, algo que di botar moito en falla porque tamén axudaría coa famosa desestacionalización do turismo da que tanto se fala.

Pensa que visibilizar entornos artísticos coma o seu axudaría a impulsar a desestacionalización da que se fala no turismo

Caxigueiro. EP
Caxigueiro. EP

Mentres, el segue a traballar a diario coas camelias: "Co clima que temos, a verdade é que non ten ningunha dificultade. O problema era atopar variedades pouco comúns, pero agora tampouco o é. Hai varias persoas que teñen criadeiros fantásticos e probablemente un deles ten a maior colección de toda Europa".

Pero tanto como a vexetación, de Caxigueiro chama moito a atención o seu traballo artístico, unha escultura que lle servíu durante toda a súa traxectoria para reflexionar sobre cuestións de todo tipo: "Agora mesmo estou traballando nunha serie con mobles e distintos obxectos das casas, que me serve para reflexionar sobre a soidade, o abandono… Todo o que trouxo o covid". E logo está a fotografía: "Non todos os días, pero é difícil que non lle adique un tempo todas as semanas".

O traballo escultórico de Caxigueiro distinguiuse sempre polas instalacións de gran tamaño. No Espazo Caritel ten varias mostras das series que foi facendo ó longo dos anos "pero logo hai fondo de obra, claro, para que o vexa quen estea interesado". Recoñece que "normalmente é habitual que parta dunha instalación, pero feita con pezas de mediano e pequeno formato. Así que onde non se pode instalar todo, poden ir as pezas máis pequenas. Son reflexións resoltas con distinta linguaxe, así que o tema de ter máis ou menos espazo non me condiciona demasiado, a verdade".

O seu traballo no eido da escultura segue a facelo a cotío, pero tamén a fotografía e a xardinería

Caxigueiro. EP
Caxigueiro. EP

Á marxe do que amosa alí, segue facendo exposicións por fóra "con certa regularidade. A pandemia reduciu todo iso, claro, pero por exemplo estou presente en Galicia Futura, cunha instalación que reflexionaba sobre o tema do urbanismo". E non quere que se lle pase lembrar que "o día 7 de abril temos unha homenaxe a Quique Guerra con varias exposicións sobre a súa persoa".

Cando bota a vista atrás ao momento de abrir o Espazo Caritel, di sentir unha certa sensación agridoce 2porque é un esforzo grande o que hai que facer e ves que podería resultar mellor. E non falo só de cuestións económicas. Son 3.700 metros que podo atender eu, pero de momento. Dentro dun tempo... non poderei. Por iso boto en falla que se dea máis visibilidade a sitios así. Por exemplo, hai xente que vén á basílica e vaise sen saber que xusto ó seu carón hai isto".

Comentarios