¿Que foi de... Bonia Martínez?

Pasou de ser o número 2 do PP á clave para botalo da alcaldía por primeira vez en democracia en Riotorto. Fíxoo tras liderar un partido xa desaparecido no municipio Terra Galega, co que foi tenente de alcalde. Tras unha saída turbulenta da política segue coa súa profesión de avogada
Bonia Martínez. EP
photo_camera Bonia Martínez. EP

Dacabalo entre Lugo e Meira, Bonia Martínez Irimia continúa cunha profesión de avogada que nunca chegou a abandonar, nin sequera cando se converteu nun bulebule político do que agora renega ata o punto de case non recoñecerse nalgún dos enormes terremotos que xerou en Riotorto. Di gozar moito máis da súa familia e dos seus fillos adolescentes, algo que non podía facer cando era un cargo público "e non tiña case tempo libre, porque había que estar case sempre dispoñible".

Pero Bonia Martínez puido ter un percorrido político importante porque era o número 2 de José López Cabodevila, un político que aseguraba que daba as súas últimas rabexadas como alcalde. Ela non chegou a crelo e abandonou o PP para integrarse nun partido de curto percorrido e que fixo certo dano ao PP, Terra Galega. Con eles conseguiu os 227 votos que lle serviron para saír electa como concelleira e, coa suma dos catro do BNG e outro máis do PSOE, desprazar da alcaldía ao que fora o seu mentor.

Asegura que agora non se recoñece en moito do que fixo, que que entón "cría que era o que había que facer" 

Formou un tripartito no que houbo de todo e a pesar das polémicas case continuas di que "o recordo que gardo é bo. Aprendín moito porque cando estás dentro ves como funcionan as cousas, que realmente non sabes como van. Así que lembro ese tempo como unha etapa de aprendizaxe. Non repetiría, pero a verdade é que non me arrepinto".

RIOTORTOtegaDi que unha cousa boa que tivo o seu paso pola política foi que "me permitiu coñecer a moitos veciños, algo que foi moi agradable". Pero di que agora a súa situación persoal "é moi diferente. O traballo non me permitiría volver á política e tampouco a miña situación familiar".

Sobre os tormentosos episodios que protagonizou, cre que "visto agora, faría as cousas de forma diferente, case seguro, pero claro, iso hai que velo no momento nn que está sucedendo, non agora que xa pasaron tantos anos. Teño recortes do xornal de todo aquel tempo e a verdade é que me sorprendo moitísimo do que eu mesma fixen e tamén os meus fillos, pero naquel momento entendía que era algo que había facer".

Está encantada de deixar a política polo tempo que lle quitaba e porque, di, "non tiña aspiracións"

A pesar das rifas xeradas, di que a relación que mantén agora cos que entón eran os seus compañeiros e compañeiras de corporación é a mesma que tiña: "Non cambiou. Cos que me levaba ben, sígome levando ben. Cos que regular, lévome regular e mal o que se di mal, tampouco me levaba mal con ninguén. Falo con todos. Con Castrín, por exemplo, (José López Cabodevila, o alcalde ao que apartou do cargo) teño boa relación, o que pasa é que agora xa hai moito tempo que non o vexo. Pero non temos ningún problema e iso que co se que houbo momentos moi complicados e unha relación que nalgúns momentos foi moi tensa". Precisamente di que "sempre estiven a gusto, salvo esa etapa concreta".

Do seu labor no goberno local conta que "o paso por un goberno municipal non me sorprendeu demasiado salvo por ver que en realidade as cousas non son como che gustaría que fosen non sentido de que o sistema funciona dun xeito distinto a como debería". Entre esa sensación e a súa turbulenta saída recorda que "en canto marchei, desde o primeiro momento, desvinculeime por completo e agora non sigo absolutamente nada de nada e sempre estiven encantada de deixalo. Sigo facendo o que sempre quixen e, ademais, nunca tiven ningún tipo de aspiración de medrar en política", conclúe.

Comentarios