¿Que foi de... Narciso González?

O primeiro concelleiro de Mar de España está orgulloso de que se crease esa concellaría nun lugar tan apegado a el como é Burela. Él foi quen a inaugurou
Narciso González. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Narciso González. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Durante doce anos este home de mar de toda a vida, fillo, neto e bisneto de homes de mar, ocupou en Burela a concellaría que precisamente levaba dito nome: concellaría de mar, a primeira deste tipo en toda España e que aínda que parecía baleira de contido resultou clave para que a lonxa actual estea onde está. Recorda Narciso que no primeiro proxecto estaba preto de onde agora está Armón "e eu vía claramente que ese non era o sitio. Como eu estaba de navegar sabía que o correcto era onde está agora". Expúxollo moi claramente ao alcalde de entón, Manuel Mon, "pero aclarándolle que había un problema evidente: era moi caro. E entón díxome algo que recordo sempre, que non me preocupase que diso xa se encargaba o, como así foi. Entendeu que o que lle diciamos tanto eu como outros técnicos e xente de mar era certo e apostou por nós. E o tempo vese claramente que nos deu a razón".

Di que foi importante porque "por entón acababa de abrir a lonxa de Celeiro, que se destacaba xa como un lugar extraordinario cun paso adiante coa lonxa climatizada", e por iso Narciso di que "foi un momento importante para o futuro de Burela".

Narciso González. EP
Narciso González. EP

Esta é a primeira vez que explica isto publicamente "porque considero que é importante que en Burela se saiba como foron as cousas", aínda que el logo foi decisivo para crear o barco museo. "Eu propúxeno como unha visión máis ben cara aos colexios, para que os nenos visen como se traballaba antigamente sobre todo nos boniteiros, na miña idea de que normalmente as cousas que aprendes de neno quédanche bastante fixadas, e por iso o propuxen. Daquela o barco estaba para despezar e era dun primo meu, co que falamos explicándolles o que queriamos facer e non puxo problemas. Logo si que os houbo porque en principio se nos obrigaba a poñelo en terra, pero eu entendía que sendo para o que era, tiña que estar no mar. De feito unha vez veu unha excursión dun colexio e a min, que estaba a mirar desde fóra, deume por preguntarlle a un neno se cría que o barco estaría ben fóra da auga ou mellor en terra e el respondeume que os avións estaban feitos para voar, e iso convenceume de que o barco tiña que quedar no mar. Tamén houbo que loitar por iso, porque a lexislación non o permitía, pero ao final conseguímolo".

Foron anos de moito traballo "nun goberno no que eramos un equipo, no que traballabamos todos a unha e por iso gardo un gran recordo daqueles anos e daquela corporación". Dela saíu o impulso definitivo a Expomar, "que se potenciou ata o punto de facela competir coa feira de Bilbao, algo impensable antes. Pero conseguímolo e agora aí está a feira, xa totalmente consolidada".

Comentarios