Que foi de... Manuel Parga Núñez?

De cando en vez aínda hai quen lle di que foi o mellor alcalde de Burela, pero el deixou atrás esa etapa e dedícase a camiñar moito e a ler, sobre todo novelas
Manuel Parga, primeiro alcalde de Burela. JM ÁLVEZ (AEP)
photo_camera Manuel Parga, primeiro alcalde de Burela. JM ÁLVEZ (AEP)

Ninguén lle pode quitar e quedará para a historia que foi o primeiro alcalde de Burela. Foino durante uns seis meses e logo quedou na oposición e foi parlamentario autonómico co seu partido de entón, o BNG. Agora dedícase "a camiñar e ler" e a desfrutar da súa xubilación no ensino.

Rise cando conta que aínda algunha vez o para un traballador municipal para dicirlle "que fun o mellor alcalde de Burela, ou cousas así, pero a verdade é que xa deixei atrás todo iso". E puntualiza, ademais: "Fíxeno sen añoranza nin resentimento de ningún tipo" para deixar claro que aínda que a súa saída do BNG foi a raíz do famoso proceso de Amio, en realidade foi deixando a política "porque eu teño o convencimento de que con adicarlle oito anos é dabondo".

Agora, a Manuel Parga o máis normal do mundo é atopalo paseando por Burela cada mañá ou cada tarde "menos cando fai mal tempo, que teño unha bicicleta estática e úsoa para facer exercicio se non se pode saír, porque me gusta estar activo". É unha das súas grandes afeccións.

Pero é complicado quitarlle de riba o seu pasado político porque el garda un dato para a historia: foi o primeiro alcalde de Burela. Chegou ao cargo sendo o único concelleiro do Bloque nun pleno que se fixo o 1 de xaneiro de 1995.

"Fora un pleno moi movido", lembra, "o PP, ou máis ben a xente do PP, non o propio partido, crían que ían ter a alcaldía, non sei por que. Moita xente cría que tiñamos un pacto para darlle a alcaldía ao PSOE, pero nunca houbo tal pacto e nós sempre tivemos claro que non iamos apoiar o candidato do PSOE despois dos enfrontamentos que tiveramos co que daquela era o alcalde de Cervo, Roberto Álvarez. Así que foron os concelleiros do PSOE os que me votaron a min como alcalde e a xente cabreárase algo naquel momento". Despois di que foi toda unha experiencia sacar adiante un Concello enteiro partindo de cero.

Conta todo iso compracido, "porque foi algo único" pero di sentirse moi cómodo agora: "Xubileime xa hai uns anos da docencia e estou moi a gusto. Camiño moito e leo, sobre todo novelas que é o que máis me gusta. De cando en vez tamén leo algún ensaio, pero son os menos".

Manuel Parga, primeiro alcalde de Burela

Igual que da súa etapa na alcaldía fala con satisfacción, da de parlamentario do Bloque, menos: "Estiven en dúas ocasións, a segunda para substituír a Fernando Blanco cando o imputaran, e foi interesante, pero o papel non me satisfacía plenamente porque era sempre a mesma dinámica. Aínda que estabamos no Goberno da Xunta co bipartito, o meu papel era só apoiar ao Goberno sen capacidade ningunha de intervir nas decisións".

Tamén quere contar o que pasou cando deixou o Bloque: "A min dixéronme de ir na lista ás autonómicas e eu puxen como condición ir como cabeza de lista, que parece que sempre ten que ser un de Lugo, aínda que logo non foi así, e dixéronme que non. Aquilo foi unha boutade miña e non me fun por iso. Foi porque o BNG xa non representaba o proxecto que eu entendía que tiña que representar".

Quere deixalo estar, aínda que di estar preocupado pola política xeral. "Agora vese a verdadeira faciana dos partidos. A dereita xa non se disfraza e vese como o que é: ultradereita. E no PSOE hai unha loita entre o vello partido e outro que tenta facer cousas distintas. Mentres, na esquerda ven que cando tocan poder e poden cambiar as cousas de verdade sofren ataques por mar e terra. Iso xa era algo que sabía porque durante o bipartito na Xunta foi algo que vivimos en carne propia, pero penso que neste momento estase a ver dun xeito moi claro, coa dereita despregando todo o seu poder para tratar de frear cambios que se propoñen", explica.
 

Preferencias
Das lecturas que soe facer, di que prefire case sempre as novelas, aínda que le algo de ensaio, pero menos
Pasado político
Di que deixou atrás esa etapa que agora non bota de menos e que a abandonou sen ningún resentimento

Máis en A Mariña
Comentarios