Os que axudan desde as ondas

A Subdelegada do Goberno recoñeceu o traballo de radioafeccionados integrados na rede Remer que colabora con Protección Civil. Berta Guerra, de Mondoñedo, foi das primeiras mulleres en estar dentro dese mundo
Berta Guerrera, co seu equipo. EP
photo_camera Berta Guerrera, co seu equipo. EP

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, recoñeceu o labor dos radioafeccionados que colaboran con Protección Civil cunha entrega de diplomas a membros deste colectivo de toda a provincia que forman parte da Rede Nacional de Radio de Emerxencia (Remer). Estiveron presentes Francisco Hermida Platero, José Veiga Méndez, Manuel Pérez Eijo e Luis López Rodríguez e os outros foron Berta Guerra Rubal, de Mondoñedo; Saturno Sendín López, de Abadín; Luis Roibas Saavedra, de Lugo; Manuel Roibas Saavedra, de Lugo; María Castro Darriba, de Lugo; e Jesús Amor Puga, de Ribadeo. Tamén, por 25 de traballo o veciño de Sarria, José Alvarez Rosa.

Unha das homenaxeadas, Berta Guerra Rubal é radioafeccionada de Mondoñedo pero non puido acudir ó recoñecemento por problemas persoais, anque agradece que se lembrasen dela, porque ademais cando empezou "penso que era das poucas mulleres que había". Ela e máis o seu marido, Carlos García, teñen unha longa experiencia nese eido. Berta entrou na rede Remer o 5 de febreiro do 92, aínda que realmente se examinou no ano 90. Carlos levaba algo máis. Na Remer entrou o 17 de xuño do 90. Fixérono, recorda Berta, "porque tiñamos uns amigos que traballaban en telecomunicacións e en Retevisión e uns por outros, entramos". Sempre traballaron en VHF "porque non nos chamaba a atención a comunicación a longa distancia". 

Entrega de diplomas de Isabel Rodríguez aos radioafeccionados lucenses. EP
Entrega de diplomas de Isabel Rodríguez aos radioafeccionados lucenses. EP

Carlos foi quen fundou a agrupación de Protección Civil en Mondoñedo e iso levounos a colaborar en diversos sucesos no concello. Berta lembra que axudaron no rescate do fillo de Carmen Avendaño, que non podía saír de Rei Cintolo. Tamén estiveron no caso dun home que se perdeu no monte "e que me marcou moito porque logo non apareceu nunca", conta Berta, quen di que agora xa non ten tanta afección malia que segue a ter todo en regra.

Os dous contan que todo cambiou cos móbiles "porque abríronse totalmente as comunicacións", di Carlos, quen explica que "o noso sistema ía por unha rede de repetidores que facilitaban os contactos de xeito que antes dos móbiles era imposible facer". Iso explica que durante anos se encargaran dunha parte da organización das San Lucas, porque eran a millor opción para telo todo ben atado e ben organizado. E tamén por iso a agrupación de Protección Civil tirou das súas habilidades.

Comentarios