Publicada a repartición de cota de pescada en buques de volante no Cantábrico Noroeste

O BOE inclúe tamén a ordenación da pesqueira da caballa das zonas VIIIc e IXa para os buques da flota doutras artes distintas ao arrastre e cerco con porto base na provincia de Lugo

Subasta de merluza en el Puerto de Celeiro. JOSÉ MARÍA ÁLVEZ
photo_camera Poxa de pescada no Porto de Celeiro. JOSÉ MARÍA ÁLVEZ

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este mércores a repartición individualizada das cotas de pescada para o censo dos buques de volante autorizados a pescar esta especie no caladoiro do Cantábrico Noroeste durante 2019. A resolución detalla que os volumes establecidos para cada un dos 44 buques son provisionais, non recollendo nin os posibles incrementos por aplicación da flexibilidade interanual nin como eventuais deducións pola sobrepesca, no caso de que a houber.

Doutra banda, o BOE publica outra resolución con disposicións adicionais de ordenación da pesqueira da caballa das zonas VIIIc e IXa para os buques da flota doutras artes distintas ao arrastre e cerco con porto basee na provincia de Lugo. Estableceuse o inicio da pesqueira para 2019 na medianoite do 4 de marzo de 2019 e a cota é de 428.460 quilos, da que se reservan 385.614 quilogramos para os barcos que conten con topes de captura anuais de xeito individual.

Ademais, resérvanse 42.846 quilos para que poidan ser pescados ao longo de todo o ano por aqueles barcos que non se atopen na listaxe facilitada no anexo I da resolución.

O BOE tamén publica a actualización do censo das flotas de altura, gran altura e buques palangreiros maiores e menores de 100 toneladas de rexistro bruto, que operan dentro dos límites xeográficos da Comisión de Pesca do Atlántico Nordeste, así como a actualización do censo da flota de arrastre de fondo, en augas da subzona IX do Consello Internacional de Exploración do Mar sometidas á soberanía ou xurisdición de Portugal. 

Máis en A Mariña
Comentarios