O PSOE gañaría en Viveiro aínda que con fuga de votos ao BNG e o PP sumaría algún apoio

Vinte anos logo da súa primeira vitoria, a esquerda seguiría gobernando o municipio â?? As novas formacións xurdidas nos últimos anos roldarían o 5% dos votos
Encuesta municipal de Viveiro.EP
photo_camera Enquisa municipal de Viveiro.EP

O PSOE de Viveiro volvería gañar as eleccións municipais de celebrarse neste momento, na metade do mandato, segundo unha enquisa realizada pola empresa Infortécnica para El Progreso, que recolle a intención de voto dos cidadáns. Iso si, os socialistas, que agora contan con oito concelleiros, poderían perder un edil e quedar en sete debido ao traspaso de votos que se daría cara ao BNG, unha formación que podería subir ata os tres concelleiros fronte á única representante con que conta na actualidade.

De todos os xeitos, os socialistas seguen convencendo aos vivarienses logo de vinte anos á fronte do consistorio da capital mariñá. Desde que en 2003, con Melchor Roel á fronte, puidese formar goberno xunto ao BNG e a Esquerda Unida, o PSOE non deixou a alcadía aínda que con algún altibajo. En 2007, catro anos logo dos primeiros resultados que lle permitiron formar goberno, Roel superou por primeira vez ao PP con oito concelleiros, pero en 2011 deuse un empate técnico en canto a número de concelleiros, a pesar de que foron os populares os máis votados, e os socialistas formaron goberno cos nacionalistas nun primeiro momento ata que rompeu o pacto de goberno e o PSOE gobernou en minoría. En 2015 e 2019, xa con María Loureiro á fronte, lograron oito concelleiros, unha cifra que podería manterse de celebrarse agora os comicios.

A segunda forza máis votada nunhas hipotéticas eleccións sería o PP, que sumaría un concelleiro máis dos que ten agora e alcanzaría os seis, un número que, con todo, non o achegaría á alcaldía. Desde o último mandato de César Aja, que en 1999 conseguiu unha esmagadora vitoria con dez concelleiros, ao PP resísteselle o feudo vivariense. En 2003, a perda de dous concelleiros deixou a Aja na oposición e en 2007 xa non se presentou dando paso a Guillermo Leal. Con todo volvería aparecer en 2011 logrando mellorar os resultados populares, aínda que non recuperou a alcaldía. En 2015, o PP probou cun novo candidato, Antonio Bouza, que perdeu un edil. Este concelleiro non o conseguiu recuperar Óscar Rodríguez en 2019 e a formación mantense con cinco edís, aínda que o seu traballo na oposición parece que lles daría un novo representante.

Un labor de oposición que tamén parece estar a valorar a cidadanía vivariense é a que realiza a única edil nacionalista na corporación, Miriam Bermúdez, que podería sumar entre un e dous concelleiros á súa lista nunhas hipotéticas eleccións. Bermúdez apareceu na escena política vivariense para devolver a representación ao BNG, despois de que os concelleiros elixidos nos comicios de 2015, Bernardo Fraga, Manuel Galdo e Saray Branco abandonasen a formación.

Fraga e Galdo seguen na corporación ao presentarse en 2019 como independentes con Por Viveiro e lograr dous concelleiros. Con todo, se se celebrasen agora as eleccións poderían perder un concelleiro e a súa porcentaxe de representación en intención de voto sería do 1,8%. Tamén en perda de representación estaría Son Viveiro, que cun 1,8% de estimación de voto podería perder o único concelleiro que logrou nos últimos comicios. Con todo, na práctica xa non conta con representación posto que o edil que logrou a súa acta con estas siglas, Luís Manuel García Otero, abandonou a formación por discrepancias internas.

Estes resultados, que teñen unha marxe de erro sobre o total da mostra dun 9,12%, segundo a ficha técnica, poderían variar substancialmente debido á alta porcentaxe de enquisados que indica que non votará ou votará en branco, un 14,5%, e aqueles que non saben ou non contestan, que alcanzan o 35,2%.

En base a estes datos, a repartición de forzas na corporación vivariense manteríase como na actualidade a diferenza dalgún transvasamento de votos que, a priori, non poría en perigo a hexemonía da esquerda. A pesar de que os populares poden gañar terreo, non sería suficiente como para poder recuperar a alcaldía e as esquerdas, co PSOE como partido máis votado, seguirían á fronte do consistorio, aínda que a balanza de forzas por abaixo sufriría algún cambio.

PSOE
Loureiro fíxose cos votantes

María Loureiro empezou a súa carreira política á sombra de Melchor Roel e foi a encargada de continuar o seu legado cando el faleceu en 2013. Foron dous anos de alcaldía prestada, que con todo, revalidou con fartura ao gañar dous edís e pasar dos seis aos oito, en 2015. Moitos pensaron que era o efecto Roel, pero en 2019 confirmou estes resultados, a pesar do xuízo por presunta corrupción urbanística no que foi absolta.

PP
Na procura do candidato ideal

O PP leva anos buscando ao candidato ideal que lle permita recuperar a alcaldía de Viveiro. O último intento foi a fichaxe do coñecido empresario Óscar Rodríguez, que deu un paso adiante en política para encabezar a candidatura de 2019 tras a renuncia de Antonio Bouza. A súa candidatura non tivo o efecto esperado e os populares manteñen a mesma representación de cinco edís, que exercen unha forte oposición.

Por Viveiro
De Galiza Nova a ser independente

En 2011 o entón responsable comarcal de Galiza Nova, Bernardo Fraga, foi o candidato do BNG en Viveiro. Foi o ano do empate a concelleiros entre PSOE e PP e os seus tres edís foron a chave que deu o goberno aos socialistas, aínda que o idilio durou só un ano. Tras os comicios de 2015 e repetir resultado, abandonou a formación e en 2019 presentou unha candidatura independente, coa que chega a acordos puntuais co PSOE.

BNG
Unha mestra para recuperar o pulso

Partindo de non ter representación na corporación, Miriam Bermúdez, conseguiu meterse como representante nacionalista na corporación en 2019. Mestra de profesión e dentro dos órganos de dirección do partido a nivel local, foi elixida por unanimidade para ser cabeza de lista. Nestes dous anos fixo valer o seu traballo na oposición con numerosas propostas que defende no pleno e ante a opinión pública.

Son Viveiro
As discrepancias tiraron as siglas

Cando en 2019 Luís Manuel García anunciou que sería cabeza de lista por Son Viveiro xa acumulaba experiencia na corporación, á que chegou logo de varias dimisións de concelleiras que se produciron no seo da formación, que conseguira un edil en 2015. Logo de revalidar os resultados nos últimos comicios, García Otero decidiu abandonar a formación e manter a acta, a pesar de que o partido lla reclamou.

Comentarios