O PSOE de Ribadeo denuncia a xestión no servizo de recollida de lixo

O grupo socialista critica que os colectores amarelos levan 3 días sen ser baleirados pola firma concesionaria. Soil Recovey anunciou que afronta unha delicada situación concursal

Aspecto que presenta un contenedor amarillo en Ribadeo. AMA
photo_camera Aspecto que presenta un colector amarelo en Ribadeo. AMA

RIBADEO. Algo cheira a podrecido en Ribadeo. A situación concursal na que se atopa a empresa concesionaria do servizo de limpeza municipal Soil Recovery ocasionou serios problemas na recollida dos colectores amarelos, do cartón porta a porta e tamén no punto limpo.

O concelleiro ribadense de xestión de residuos e limpeza viaria, Jorge Díaz Freije, anunciou o luns que a recollida de cartón queda suspendida temporalmente, que o punto limpo segue en funcionamento e que o Concello de Ribadeo busca unha solución para retirar canto antes o lixo dos colectores amarelos, sobre todo daqueles que están desbordados.

Nestes momentos aprema a contratación doutra empresa para prestar o servizo ao que Soil Recovery renunciou súbitamente.

Segundo denuncia o secretario xeral do Partido Socialista en Ribadeo, César Fernández Murias, «isto ocorreu por unha mala xestión do alcalde e do equipo de goberno co servizo de recollida de lixo, pois vos contedores amarelos levan máis de tres días sen ser atendidos pola empresa concesionaria do servizo, acumulando desperdicios e ocasionando malos cheiros; e ou punto limpo do Concello leva outros dez días», afirma.

A cabeza visible dos socialistas ribadenses alega que esta situación se presentou no peor momento posible. «Este problema agravouse en plenas festas patronais, ofrecendo unha pésima imaxe do municipio», dixo.

Fernández Murias criticou tamén o que considera unha falta de respecto á cidadanía. «É unha irresponsabilidade do alcalde que sabía perfectamente que isto podía acontecer porque a empresa comunicoulle hai tempo que ían deixar de prestar este servizo por problemas económicos. E cal foi a súa solución para reverter esta situación? Non facer absolutamente nada», explica.

RESPOSTA MUNICIPAL. Esta crítica do grupo socialista tivo pronta contestación en palabras do concelleiro Jorge Díaz Freije: «O Concello de Ribadeo agora mesmo ten un contrato en vigor e estamos a actuar conforme coa lei. Neste caso aplicando as penalizacións que se deriven do incumprimento do contrato».

Díaz Freije aclara tamén que o consistorio non é quen para «romper o contrato, neste caso rompeu a empresa co Concello de Ribadeo. Hai uns tempos e formas estipulados pola lei que temos que marcar e que seguir», matizou. O edil nacionalista tamén quixo deixar claro que «o servizo de recollida de lixo orgánico está a ser desempeñado por persoal e medios municipais. En poucos días poñerase outra empresa para sacar eses puntos en concreto por esixencias de salubridade e control. Estamos a buscar unha alternativa para quitar o lixo dúas contedores que están excedidos. Nuns días contamos que estea todo andando», comentou o edil.

Respecto da recollida de cartón porta por porta, Freije asegurou que «queremos suspendelo, de momento, por prudencia para non colapsar máis o servizo».

Comentarios