Protección Civil retirou un golfiño que varou no dique barreirense de Angueira

Alerta de que carece de medios para efectuar rescates acuáticos por falta de axudas da Xunta
Delfin varado en Angueira (1).AMA
photo_camera Delfin varado en Angueira. AMA

Voluntarios de Protección Civil de Barreiros retiraron este mércores pasado un golfiño que apareceu varado e morto na canle próxima ao espigón da ría focense, en Anguieira. Os integrantes do colectivo descenderon polas rocas e cunha corda suxeitaron o animal como puideron para arrastralo sobre as pedras do dique cara á zona dunar, onde xa puideron cargalo no vehículo pick-up.

O responsable da agrupación, Javier Díaz ‘Trosky', sinala que o día anterior viron o cetáceo nadar detrás dun veleiro que entraba na ría, pero "esta mañá, arredor da unha, chamáronnos dicindo que estaba varado xunto da escolleira". O golfiño común ten 1,90 metros de lonxitude, segundo a medición efectuada para comunicar a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), que tiña previsto enviar persoal especializado para recoller mostras do animal. O corpo do mamífero quedou depositado nunha nave municipal namentres.

SEN MATERIAL. A agrupación barreirense de Protección Civil alertou este mércores de que non conta con medios para realizar ningún tipo de rescate acuático. "A fin de semana pasada o mar arrastraba unha persoa na praia de Arealonga e tiveron que sacala uns surfeiros que estaban na auga, porque nós non dispoñemos de embarcación zódiac dende que o ano pasado avariou a que tiñamos e xa non se puido reparar polos dános que tiña", lamenta Díaz.

O responsable do colectivo indica que "lamentablemente mírase aos concellos pola cor política, así é como a Xunta achega os medios". Engade que nin sequera teñen roupa para entregar aos novos voluntarios e que se valen de axudas de entidades e particulares. "Só temos a vontade, a gana e o corazón que poida achegar o persoal, que está ao pé do canón para o que faga falla", subliña.

Comentarios