As promesas máis destacadas do surf galego reúnense entre onte e hoxe na praia de Area Grande, na localidade vicedense de San Román, para tomar parte na cuarta e última proba do circuíto galego de kids e juniors, tanto masculinos como femininos.
Uns 100 mozos de toda Galicia están a participar nunha cita organizada pola Viveiro Surf Escola e a Federación Galega de Surf, co patrocinio de diferentes organismos e a colaboración de casas comerciais.
A xornada de onte foi para os máis pequenos, coa disputa das categorías sub-10, sub-12 e sub-14, mixta no caso da primeira e divididas en masculina e feminina as outras dúas.
Con ondas dun metro, os rapaces puideron gozar dun excelente escenario para demostrar as súas habilidades e deixaron claro porque son os mellores da comunidade galega.
Lucía Martínez foi a surfeira local máis destacadea, cunha segunda posición na categoría sub-14 feminina, que gañou Daniela Alonso. Pero o gran triunfador da xornada foi o vigués Teo García, que se impuxo nas categorías sub-12 e sub-14 masculina, mentres que Carla Méndez foi a mellor no sub-12 feminina e Xabi Carballos foi o gañador entre os sub-10 mixtos.
Pero aínda queda surf, e do bo, para os que desexen hoxe achegarse polo areal de San Román, xa que a segunda e última xornada da cuarta proba do circuíto galego depara fortes emocións coa resolución dos campionatos sub-16 e sub-18, tanto masculinos como femininos, ademais dos sub-21 masculinos. A partir das 9.00 horas arrincarán as primeiras eliminatorias de cuartos de final e a xornada concluirá coas finais das diferentes categorías.