Unha produtora gravará para La 2 un documental sobre o naufraxio da Magdalena en Viveiro

Busca con urxencia figurantes para facer do comandante da fragata e o seu fillo, que morreron xuntos e apareceron abrazados na praia de Covas

Monolito en recuerdo de los fallecidos en Os Castelos, donde se hundió la fragata Magdalena.AMA
photo_camera Monólito en recordo dos falecidos nos Castelos, onde se afundiu a fragata Magdalena.

Unha produtora gravará a principios de xullo na praia de Covas de Viveiro escenas para un documental sobre naufraxios encargado por La 2 de TVE e busca como figurantes a un home de 55 a 65 anos e a un mozo de 16 a 20. Representarán ao comandante da fragata Magdalena, Blas de Salcedo, e ao seu fillo, o guardamarina Blas de Salcedo e Reguera, que ía embarcado no mesmo navío e segundo se conta apareceron xuntos no areal coma se estivesen abrazados tras falecer durante o naufraxio do buque.

As persoas interesadas deben enviar unha fotografía e un teléfono de contacto canto antes a Judith Fernández da axencia Temps, ben a través do email [email protected] ou por WhatsApp ao 665.29.41.56. "Nós só nos encargamos de mandar as fotos á produtora e ela elixe. Despois eu falo cos elixidos e pídolles as tallas, porque como é roupa de época teñen que comprar roupa especial e é todo un pouco urxente. Este xoves temos que ter á xente xa seleccionada", explica. 

A gravación realizarase na praia de Covas o 3 ou o 6 de xullo. "Será un único plano moi sinxelo no que acaban de falecer xuntos despois do afundimento do barco", avanza. Terán unha retribución económica —a tarifa é de 45,50 euros brutos por xornada de 8 horas máis unha hora de comida, aínda que ao ser un plano só non será tanto tempo— e serán dados de alta na Seguridade Social por ese traballo.

O afundimento da fragata Magdalena e o bergantín Palomo o 2 de novembro de 1810 fronte aos Castelos e Sacido por mor dun forte temporal foi unha das maiores traxedias marítimas do país, ao sumar 550 mortos. Foron así mesmo uns feitos impactantes para a poboación local, que viu con sorpresa a aparición do comandante abrazado ao seu fillo. Tras isto as Cortes de Cádiz aprobaron unha real orde para establecer que en accións de guerra non puidesen ir embarcados xuntos membros dunha mesma familia.
 

Comentarios