Proban en Mondoñedo unha técnica para monitorizar por web os pastos

A medida combina a recepción de imaxes por satélite, que permite un seguimento dos cambios na vexetación, co control por GPS dos animais que viven en liberdade
photo_camera Colocación do chip para controlar por GPS ao gando, en Mondoñedo. EP
O grupo operativo Siega comezou a implantación en Mondoñedo dun proxecto financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que combina a monitorización do estado dos pastos, a través de imaxes por satélite, coa posición do gando por GPS. Unha tecnoloxía que permitirá mellorar a gandería extensiva e a xestión do monte a través dunha ferramenta informática web, en forma de sistema de información xeográfica.

"A produción da gandería extensiva converteuse nun sector vulnerable con numerosos riscos potenciais, tanto para o sector como para o medio ambiente, como pode ser a desaparición da pequena gandería extensiva con base territorial, o aumento do risco de incendios e as tallas incontroladas, o despoboamento ou a baixa rendibilidade", apunta o grupo de estudo -no que colaboran centros de investigación de Galicia, Asturias e Cantabria, ademais do departamento de Xeografía, Xeoloxía e Medio Ambiente da Universidade de Alcalá de Henares- que considera que supón unha vantaxe para o sector, porque lles axuda a anticiparse, sabendo con antelación como vai ser o comportamento dos pastos e do gando.

Dúas variables que se poden monitorizar a tempo real, o que permitirá mellorar a xestión dos montes. Para o gandeiro supón unha vantaxe porque sabe en tempo real o estado do pasto e cando se necesita, por exemplo, unha roza, pero tamén pode saber os cambios que se produzan no gando, como pode ser un ataque, xa que todo queda rexistrado e pódese acelerar a intervención.

TELEDETECCIÓN. O control da vexetación realízase a través da recepción constante de imaxes vía satélite. "Aplicando técnicas de teledetección, somos capaces de extraer das imaxes variables biofísicas da vexetación como a produtividade, o contido en auga ou a capacidade nutritiva dos pastos, as cales son un factor chave á hora mellorar a xestión deste valioso recurso", apuntan os responsables do proxecto.

A técnica permite ao gandeiro detectar en tempo real cambios no monte, como incendios, ou ataques aos animais

Unha ferramenta que permite incluso "caracterizar e comprender mellor o comportamento da vexetación, podendo atopar anomalías no seu crecemento e posibilitando levar a cabo medidas para mitigar os seus posibles efectos negativos", engaden. Así, as series temporais de imaxes tamén son unha ferramenta chave á hora de detectar cambios sobre a superficie, que poden ser debido a causas bruscas, como un incendio forestal, pero tamén modificacións paulatinas, como é o caso da matorralización e a perda de pasto.

Un estudo polo que xa se interesaron desde entidades como Asaja Galicia e que xa se puxo en marcha na zona de Asturias, como parte dun proxecto piloto que chega agora á Mariña, onde aínda son moitos os concellos nos que se mantén a gandería extensiva, en moitas ocasións en montes comunais. Unha forma de vida tradicional, na que entra a tecnoloxía como unha axuda para mellorar o gando e a contorna.

Comentarios