Tras a poxa, a incerteza en Alcoa

Os resultados da poxa non se esperan satisfactorios e só quedaría a opción dunha extraordinaria
2019121610432014079
photo_camera Concentración polo futuro de Alcoa, o sábado en Lugo. XESÚS PONTE

A poxa de interrumpibilidade que arrinca este luns e que estaba chamada a paliar o alto custo eléctrico da empresa electrointensiva, entre ela a planta de Alcoa en San Cibrao, non axudará a reducir a incerteza sobre o futuro da factoría mariñá. A convocatoria da poxa feita pública polo Goberno a principios deste mes e que é para os primeiros seis meses de 2020 supón un drástico recorte con respecto á anterior, o que sitúa a San Cibrao, segundo recoñeceron naquel momento tanto a empresa como o comité, nunha situación de urxencia.

Os cambios máis significativos para esta nova poxa son que se reduce á metade a potencia a poxar, xa que serán 1.000 megawatts (MW) en lugar dos 2.400 da anterior, e que desaparecen os bloques de 40 MW, polo que só sairán á poxa de 5, con peor remuneración. Haberá 200 destes lotes cun prezo de saída de 125.000 euros por megawatt.

No momento deste anuncio por parte do Goberno, desde Alcoa xa confirmaron a súa participación nesta poxa "co fin de obter o maior valor posible destes servizos para a planta de Aluminio de San Cibrao", aínda que lamentaron a redución da poxa, "o que sen dúbida incrementará o prezo da enerxía que consumimos".

Neste sentido, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, recoñecía este domingo que un paliativo a esta poxa sería a convocatoria dunha extraordinaria, como xa se fixo no ano 2014. Naquel momento, Alcoa retirara o despedimento colectivo que tiña anunciado nas plantas de Avilés e A Coruña, aínda que matizaba que se trataba dunha solución temporal e que seguían sendo vulnerables, como despois se constatou ao vendelas este verán.

Precisamente á necesidade dunha poxa extraordinaria tamén apelaban a semana pasada a Asociación de Empresas de Gran Consumo (Aege), a Unión de Empresas Siderúrxicas (Unesid) e os sindicatos CC.OO. e UXT nunha carta que remitiron ás ministras de Industria e Transición Ecolóxica. Nesta misiva tamén indican que en 2020 cómprería poñer en marcha un novo mecanismo que satisfaga todas as partes con aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2021.

Máis aló destas poxas, Zan o que subliña é a necesidade de lexislar sobre este tema. Este mesmo luns o comité de empresa reúnese co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que hai uns días mantivo unha reunión coa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, para abordar tamén a crise na central das Pontes. Ademais esta semana, o mércores concretamente, viaxarán a Madrid para falar con representantes no Congreso de PSOE, PP, Podemos, BNG e Ciudadanos, así como co líder do PP, Pablo Casado.

Ademais o 15 de xaneiro está prevista a mesa de seguimento con representantes dos traballadores e do Ministerio de Industria.

Comentarios