O brote da Mariña suma 23 novos positivos e chega aos 144 casos

Cinco permanecen hospitalizados en Burela ► Pese ao brote mariñán, en Galicia baixan os casos activos a 245

agentes de la policia nacional patrullando a caballo por el paseo de la playa de covas en viveiro- foto jm alvez
photo_camera Policía dacabalo na Mariña. JMª ÁLVEZ

O brote da Mariña sumou 23 novos positivos nas últimas horas e este mércores sitúase en 144 casos totais. Estes son os datos que a Xunta trasladoulle aos alcaldes da comarca na videoconferencia mantida para o seguimento do rebrote. Aínda que a maioría dos casos presentan unha sintomatoloxía leve ou son asintomáticos, no Hospital da Mariña hai cinco persoas hospitalizadas. 

En Galicia son sete os pacientes ingresados: os cinco da Mariña, un no área de Lugo e un na Coruña. Ningún está na Uci. 

O balance da comunidade, que inclúe datos ata as 00.00 horas deste mércores, polo que está menos actualizado que o ofrecido aos alcaldes mariñáns, reflectía que en área de Lugo, A Mariña e Monforte os casos activos aumentaran 166, ao sumarse 15 máis que este martes. Deles, 160 pacientes permanecen en seguimento domiciliario. Ata a data na área faleceron 28 persoas e rexistráronse 932 altas.

GALICIA. Pola súa banda, o número de casos activos de coronavirus en Galicia descendeu en 11 ata os 245 este mércores, cos 15 novos na área de Lugo e un na Coruña e 27 altas epidemiolóxicas –26 delas en Vigo–, mentres que as persoas curadas incrementáronse ata as 10.844.

Así se desprende dos datos actualizados este mércores pola Consellería de Sanidade, que sinala que do total de pacientes positivos, sete atópanse en unidades de hospitalización –igual que este martes– e 238 en seguimento domiciliario –11 menos respecto da xornada pasada–, mentres que as Ucis galegas seguen sen casos Covid.

Dos 245 casos positivos, 34 corresponden á área de Vigo –26 menos con respecto a este martes–; 25 á da Coruña e Cee –un máis–; 13 á de Santiago e Barbanza –igual–; dous á de Ourense –un menos–; 166 á de Lugo –15 máis–; dous á de Ferrol –igual– e tres á de Pontevedra –sen cambios–.

Sanidade apunta que, ata a data, curáronse en Galicia 10.844 persoas e han falecido 619 pacientes con Covid. A última vítima foi notificada o 10 de xuño, que se corresponde cun home de 83 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Do total, 274 estaban vinculadas con residencias.

O número de PCR realizadas ata a data na comunidade galega ascende a 204.328 fronte ás 201.666 rexistradas ata este martes.

Máis en A Mariña
Comentarios