A Policía Nacional de Viveiro vincula 17 vendas fraudulentas de zapatillas deportivas

Foron realizadas desde un comercio online de Huelva
Comisaría de Viveiro.JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Comisaría de Viveiro.JOSÉ Mª ÁLVEZ

A Policía Nacional de Viveiro  relaciona 17 vendas fraudulentas de zapatillas deportivas cunha interfaz de comercio electrónico con sede en Huelva

Segundo informou a Policía Nacional, con motivo da denuncia recibida na Comisaría de Viveiro a principios do pasado mes de xuño, na que un veciño desa localidade lucense denunciou ser estafado ao non recibir unhas zapatillas deportivas que comprara e pagado o seu prezo de 130 euros o 3 de febreiro deste ano, pescudouse a identidade da persoa física titular da interfaz anunciante do comercio, con sede fiscal en Huelva

As investigacións posteriores permitiron relacionar os feitos denunciados en Viveiro con outros 16 similares, rexistrados en distintos puntos de España desde o ano 2017. Trátase de vítimas "que tampouco recibiron os produtos que compraran e pago a través da mesma web de Huelva", engaden as mesmas fontes. 

Os feitos puxéronse en coñecemento da autoridade xudicial e fiscal, e estase "á espera da correspondente resolución sobre quen é competente para a súa investigación", puntualiza a Policía. 

Por parte da Policía Nacional recórdase aos cidadáns "a necesidade de comprobar a veracidade das ofertas en interfaces pouco coñecidas" e de realizar os abonos "mediante plataformas de pago seguras, desconfiando de calquera outro medio, como tamén das grandes ofertas", detrás das cales, conclúe, "están a maioría destas estafas". 
 

Comentarios