A Policía Nacional investiga dúas liortas con varios feridos en Viveiro e Covas

Un veciño ten varios puntos na cara polo impacto dun vaso

A Policía Nacional de Viveiro investiga dúas pelexas rexistradas na madrugada deste domingo nun bar de copas do centro histórico da cidade e no exterior doutro local na travesía de Covas, sen relación entre si, e nas que houbo varias persoas implicadas, algunhas delas feridas ou policontusionadas.

O ferido de maior consideración foi un mozo veciño de Viveiro que recibiu varios puntos de sutura na cara a causa do impacto dun vaso no interior dun bar da rúa Pérez das Mariñas. Acudiu á comisaría da Policía Nacional a denunciar que llo tirou unha camareira do establecemento no transcurso dunha liorta con numerosas persoas implicadas. O mozo sangraba e foi atendido polo persoal dunha ambulancia que se desprazou ao lugar, ao que tamén foron a Policía Nacional e a Policía Local, corpo desde o que describen o interior do bar como o escenario "dunha batalla campal".

Segundo indican desde a Policía Nacional, tanto a camareira citada como a dona do establecemento tiñan intención de facerse un recoñecemento médico no Hospital da Costa para entregar o correspondente parte de lesións. A Policía chamará tamén a máis testemuñas para intentar aclarar o sucedido.

Un pouco antes deste suceso, entre as cinco e media e as seis da madrugada deste domingo, houbo outra pelexa con empuxóns e golpes entre varias persoas en plena rúa en Covas, onde tamén foron tanto a Policía Nacional como o Local. Un mozo veciño do municipio acudiu á comisaría a presentar denuncia polas lesións que sufriu, que son leves.