A Policía Nacional detén a un veciño de Celeiro por agredir á súa nai

O individuo pasou a noite nos calabozos da comisaría de Viveiro

Un novo caso de violencia no ámbito doméstico ou familiar produciuse na madrugada deste pasado sábado ao domingo na parroquia vivariense de Celeiro. Axentes da Policía Nacional tiveron que deter a un home despois de que este agredise á súa nai dentro do domicilio da muller, quen afortunadamente non sufriu lesións, polo que non foi necesario que recibise asistencia médica.

O detido pasou a noite nos calabozos da comisaría de Viveiro ata que durante a mañá foi posto a disposición do xulgado de garda, que determinou unha serie de medidas de protección para a persoa máis vulnerable, que neste caso é a proxenitora, que consisten no afastamento a 50 metros de distancia.

A orde afecta tanto ao fillo detido, como á noiva deste, debido á conduta de agresividade manifestada por ambos nalgún momento cara á muller, o que lle provoca temor e intimidación. Ao parecer, sente indefensa, razón pola que alertou ás autoridades. O aviso permitiu atallar unha actitude reiterada de falta de respecto e agresión, que causa medo e ansiedade á persoa afectada.