A Policía Local de Viveiro propón sanción para o autor dunha vertedura de cascallos

O autor exponse a multas que van desde os 600 ata os 30.000 euros. Recordan que hai empresas autorizadas que recollen este tipo de residuos
Vertido de construcción en Santo Albites.AMA
photo_camera Vertedura de construción en Santo Albites.AMA

Unha patrulla da Policía Local de Viveiro detectou esta mañá unha vertedura de residuos de construción e demolición no lugar de Santo Albites, pertencente á parroquia de Celeiro. Os axentes iniciaron unha investigación para localizar ao autor, que foi identificado, e agora exponse a importantes sancións.

A proposta de multa que se tramita por parte dos municipais baséase na Lei 10/2018 de residuos de Galicia, que contempla sancións que van desde os 600 euros para as infraccións leves e que alcanzan os 30.000 euros no caso das de carácter grave.

A vertedura atopábase no exterior e no interior dun colector situado ao pé da estrada, aproximadamente igual cantidade dentro que fose. Atopouse á primeira hora desta mañá. 

A Policía Local indica que este tipo de verteduras son frecuentes, aínda que moitas veces resulta complicado dar cos autores, algo que lograron nesta ocasión. Recordan á veciñanza que existen empresas autorizadas para o depósito deste tipo de residuos e que tamén poden consultar co punto limpo, situado na Patarroa.

Comentarios