A Policía Local de Viveiro abriu 14 expedientes a fin de semana en zonas de lecer nocturno

Os axentes da Policía Local de Viveiro abriron un total de catorce expedientes sancionadores entre o venres e o pasado luns tras incrementar a súa vixilancia en zonas de lecer nocturno coa finalidade de que se cumpran as medidas impostas pola Xunta para intentar atallar a pandemia de Covid-19.

Como resultado do seu operativo, desas catorce actas con proposta de sanción cinco foron por non facer uso das máscaras obrigatorias, dúas por fumar en espazos públicos sen gardar a distancia de seguridade, catro por consumir alcol na vía pública, dúas por infraccións da Lei de Seguridade Cidadá ao faltar ao respecto aos axentes e unha contra un establecemento de hostalería por abrir ao público fóra do horario permitido.

Ademais desas actuacións, os axentes continúan con labores de controis de alcoholemia a condutores e de velocidade nas estradas que son da súa competencia.

Para iso sinalan que estableceron varios puntos de verificación "sendo realizadas un total de 49 probas, das cales 2 arroxaron un resultado positivo, tramitando as denuncias administrativas que conlevan unha sanción económica de 500 euros e aparellada a retirada de 4 puntos do permiso de conducir". Ademais, controlouse a velocidade de 652 vehículos detectando 32 infraccións.

Os axentes buscan ao condutor dun vehículo que se deu á fuga no Pirixel tras un accidente con danos materiais.

Comentarios