A Policía Local sufoca un conato de incendio no centro de Foz

O lume iniciouse nun solar contiguo a un bloque de vivendas onde se estivera limpando a maleza

A Policía Local sufocou á primeira hora da tarde deste luns, pasadas as catro, un conato de incendio na rúa Mestre Lugilde, en pleno centro urbano focense.

O lume iniciouse nun solar, contiguo a un bloque de vivendas habitado, onde se estivera limpando a maleza, que se amontoou xunto ao edificio e prendeu. Case de inmediato, acudiu a patrulla que, tras saltar o enreixado, sufocou o incendio coa axuda de dous extintores e unha mangueira que achegou un veciño que colaborou nas tarefas de extinción.

Doutra banda, os axentes realizaron este luns controis de velocidade nas principais vías de entrada e saída ao centro urbano. En total, a Policía Local de Foz controlou 203 coches, dos que só tres superaban a velocidade permitida, polo que os seus condutores foron denunciados, aínda que en só dous casos con retirada de puntos do carné de conducir.

O coche que máis velocidade mediu foi 87 quilómetros á hora, nunha zona limitada a 50.