Polémica nun instituto de Xove por mor duns carteis sobre a folga do 8-M

A CIG acusa á xefatura territorial de Educación en Lugo de intromisión "e censura"
IES Illa de Sarón de Xove. GOOGLE MAPS
photo_camera IES Illa de Sarón de Xove. GOOGLE MAPS

Uns carteis informativos sobre a folga do 8 de marzo colocados no IES Illa de Sarón de Xove suscitaron unha polémica entre a xefatura territorial de Lugo, o propio centro e a comunidade educativa. Segundo o relato trasladado polo sindicato CIG-Ensino, que denunciou os feitos cun comunicado público, o equipo directivo distribuíu aos representantes dos alumnos (a través da Xunta de Delegadas) unha serie de informacións que procedían de organizacións estudantís, debido á folga e ao paro convocado este luns con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora.

Con todo, uns días despois o centro recibiu unha chamada da xefatura territorial de Educación en Lugo para pedir explicacións por esta cartelería, que foi colocada no instituto por parte do alumnado como material informativo para a comunidade escolar. Este mesmo día e unhas horas máis tarde, denuncia o sindicato, un axente da Garda Civil acudiu ao instituto preguntando por estes carteis e, sen achegar xustificación ou autorización, realizou unhas fotografías co seu teléfono.

PROTOCOLO COVID. Fontes da Consellería de Educación xustificaron a Europa Press a actuación da xefatura territorial tras as queixas trasladadas por varias familias de que se estaban colgando carteis nas aulas do centro. Así, atribúe a chamada ao instituto ao protocolo covid, que insta a evitar "na medida do posible" a colocación de anuncios, murais e outro material nas paredes de corredores e aulas para facilitar as tarefas de limpeza. 

En todo caso, aseguran, a xefatura territorial non obrigou á retirada nin prohibiu cartel algún, senón que instou a colocalos nos taboleiros de anuncios correspondentes.

"INTROMISIÓN E CENSURA". A CIG, pola súa banda, denuncia a gravidade do ocorrido e atribúe os carteis a un "exemplo do funcionamento democrático" que debe velar nunha institución académica. Así mesmo, acusan á xefatura territorial de extralimitarse "nas súas funcións" cun acto "de intromisión e censura informativa", e traslada o seu apoio ao claustro de profesores. 

O sindicato tamén advertiu de que solicitará información á Subdelegación do Goberno de Lugo pola presenza do axente, para saber se foi o resultado dunha "orde expresa" ou "por iniciativa propia". 

Máis en A Mariña
Comentarios