"Pode adiantarse a data de reactivación en Alcoa para dar seguridade á plantilla"

Francisco Conde, vicepresidente económico da Xunta, admite que non lle dá "ningunha confianza" o acordo sobre o cese temporal da fabricación de aluminio en Alcoa e insiste en que o seu futuro está en mans do Goberno. Propón axilidade nos acordos de suministro de electricidade de renovables e incide na necesidade de rebaixar os custos regulados do prezo eléctrico, como fan os países competidores
Francisco Conde (Monforte de Lemos, 1968). PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Francisco Conde (Monforte de Lemos, 1968). PEPE FERRÍN (AGN)

Púidose ter evitado chegar á parada das cubas de Alcoa en Cervo?

A lectura do propio acordo pon de manifesto que a falta dun prezo eléctrico competitivo é a verdadeira traba para que se poida manter a produción de aluminio primario. Alcoa está asumindo investimentos para garantir a competitividade da planta, incluso un compromiso de catro anos para manter a plantilla, o único elemento que non ten capacidade para garantir é o prezo eléctrico, que depende das decisións regulatorias do Goberno. Había desde o principio, desde hai dous anos, unha fórmula para evitar ter chegado a esta situación, que houbera un marco enerxético que garanta a igualdade de condicións de Alcoa con respecto a outros competidores.

Canto supón esa diferenza?

O prezo de mercado en España estes días é de 112 euros o MW, en Francia 62 e en Alemania 96. Ese prezo é o que se está a plantexar que se poida substituír por un acordo de suministro de electricidade de enerxías renovables (PPA) e a Xunta está totalmente de acordo, hai capacidade para traballar cos promotores eólicos para que Alcoa poida ter unha tarifa cun custo de 33-36 euros o MW. Pero aparte dese prezo de mercado están os custos regulados, os impostos, as compensacións de CO₂ e tamén as diferentes subastas que hai en todos os países menos en España, e con todo iso resulta que o prezo de mercado en España increméntase en 9 euros e pasa a 121, cando en Francia e en Alemania ese prezo de partida redúcese en 12 e 13 euros, ata os 50 e os 83 euros. É polo que nós plantexamos á ministra que aparte de traballar nunha PPA sobre o prezo enerxético, hai que incidir tamén noutros elementos vinculados con ese prezo desde o punto de vista da regulación de mercado.

Piden que estea o Ministerio de Transición nestas reunións.

Por iso, primeiro porque é o que se encarga de tramitar os parques eólicos de máis de 50MW e segundo porque todos os elementos que afectan ao prezo eléctrico e que non sexan prezo de mercado son decisións que ten que adoptar este ministerio.

Cal foi a resposta da ministra?

Foi moi evasiva, o único que dixo é que traería na próxima reunión un informe sobre os parques eólicos pero non asumindo ningún tipo de compromiso que puidera participar Transición, o que para nós é algo indispensable porque o segundo obxectivo que trasladamos á ministra era que tiñamos que ser ambiciosos e intentar adiantar esa data de reactivación das cubas. Por que o 1 de xaneiro de 2024? Realmente pódese chegar a acordos de PPA antes, as promotoras están pechando PPA no 2022 e no 2023; son moitos MW (os que precisa Alcoa) pero realmente eles teñen esa posibilidade e tamén se poden introducir xa as medidas regulatorias sobre o prezo. Hai que traballar en adiantar esa data porque vai dar unha certeza e unha maior seguridade á plantilla.

Como vai ser o desenvolvemento de parques eólicos para abastecer a Alcoa?

Alcoa precisaría como mínimo 400 MW de potencia instalada para poder atender as súas necesidades, estamos falando dunha cuantía enerxética importante. Algúns promotores poderían promover algunha PPA a parques agora en funcionamento, pero a gran maioría deses MW terán que saír de novos proxectos eólicos. Hai unha predisposición da Xunta para colaborar na tramitación deses parques pero temos que ir caso por caso, proxecto a proxecto, garantindo en todo momento que cada un cumpre todos os requerimentos desde o punto de vista medioambiental, de patrimonio cultural ou natural. Os de menos de 50 MW tramítanse por parte da Xunta e os de máis desenvólveos o Goberno. Hai dous elementos clave para chegar a estas PPA, primeiro identificar aqueles parques que se poidan autorizar, e en segundo tramitalos coa maior axilidade administrativa. É o obxectivo compartido e que nós trasladamos ao ministerio e ao comité, que desde a Xunta imos traballar cos promotores e con Alcoa para desbrozar ese traballo, para identificar que parques son viables e tramitalos.

Fíanse de Alcoa? Como van supervisar este acordo?

Hai unha comisión de seguemento e nós trasladamos a Alcoa e ao ministerio que o acordo non nos dá ningunha confianza porque independentemente dos compromisos industriais, desde o punto de vista enerxético non se establecen as bases dentro dese acordo para garantir un prezo competitivo. Hai que facer unha tutela dese acordo e a partir de aí que se poidan cumplir os termos. A confianza gáñase coa execución do propio acordo, aí é onde imos facer xunto cos traballadores un seguemento puntual para que Alcoa cumpra eses compromisos e que o Goberno poida cumprir o seu de garantir esa tarifa eléctrica competitiva que permita a produción de aluminio primario.

Que papel terá a Xunta en materia de investimentos?

A Xunta ten declarado a industria electrointensiva como un sector estratéxico e estamos colaborando con Alcoa na tramitación de axudas vinculadas á eficiencia enerxética e á innovación. Os investimentos desde o punto de vista industrial terán que vincularse aos fondos Next Generation e esperamos que haxa unha resposta do Goberno.

Vai seguir activa a mesa industrial de Vestas para tratar de atopar un comprador?

A empresa tennos trasladado que vai seguir colaborando para poder buscar potenciais investidores e nós imos seguir colaborando para que isto se poida producir. Pedímoslle ao Goberno un mínimo de implicación nunha situación que deriva dunha decisión súa en materia enerxética pero o nivel de implicación é ínfimo.

Tamén vincula o peche de Vestas co problema enerxético?

Na Mariña estamos atravesando unha crise enerxética que está supoñendo un desmantelamento industrial, en Alcoa foi incapaz durante todos estes anos de garantir un prezo eléctrico competitivo e Vestas, igual que Gamesa, tomou a decisión de pechar porque non confía na política enerxética do Goberno e no desenvolvemento de renovables. Esperamos que o Ministerio de Industria asuma as súas funcións, asuma que a situación industrial é unha consecuencia directa das decisións que está tomando, pois a transición enerxética do Goberno está poñendo en risco a toda a industria de Galicia.

Sobre Altri: "A empresa está a desenvolver os traballos técnicos para buscar unha ubicación en Lugo"

Hai moita xente pendente da fábrica de tecidos de Altri, xa está decidida a ubicación?

Esta é unha iniciativa relevante porque é un proxecto transformador do sector forestal, de pechar un novo ciclo da madeira neste caso para producir fibras sostibles. Que levante expectativas significa que estamos acertando co mesmo. Hai unha decisión do Goberno que temos trasladado a Altri de buscar unha ubicación na provincia de Lugo e nestes momentos a empresa está desenvolvendo os traballos técnicos, especialmente en canto ás necesidades de captación e verquido de auga. Esperemos que estas análises poidan concluír o antes posible e se poida confirmar unha ubicación. Este proxecto non só ten un investimento moi importante, de 800 millóns de euros, senón que pode ter un gran impacto na pequena e mediana empresa deste sector.

Comentarios